O Xulgado decreta o internamento nun centro de menores dos dous detidos polo crime de Samuel Luiz
A maxistrada acordou a medida despois de que pasasen a disposición da Fiscalía de Menores
O Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, en funcións de garda, decretou o internamento nun centro de menores das dúas persoas detidas onte pola mañá pola súa presunta participación no crime de Samuel Luiz, sucedido na madrugada do sábado 3 de xullo no paseo marítimo da Coruña. Esta medida foi acordada onte a última hora da tarde polo xulgado de garda ordinario, non polo xulgado de menores, porque neste último non hai servizo de garda, despois de que ambos os sospeitosos pasasen a disposición da Fiscalía de Menores.
A titular do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña, en funcións de garda, tamén decretou onte o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, de tres das catro persoas maiores de idade sospeitosas de participar no crime.