jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

A biblioteca Ánxel Casal ofrece diversas mostras bibliográficas ao longo do verán

A biblioteca Ánxel Casal ofrece diversas mostras bibliográficas ao longo do verán
A biblioteca Ánxel Casal ofrece diversas mostras bibliográficas ao longo do verán

En xullo e agosto o público infantil e adulto poderá achegarse ao mar, a actividades de lecer, a Exipto, ao medio natural e ás editoriais independentes, entre outros temas

A biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal, xestionada pola Xunta, ofrece ao longo de verán diversas mostras bibliográficas que lles permitirán aos públicos infantil e adulto achegarse a temas como o mar, as actividades de lecer, Exipto, o medio natural ou as editoriais independentes, entre outros. Cómpre lembrar que durante os meses de xullo e agosto o centro bibliotecario estará aberto de luns a venres co horario habitual da época estival, que abrangue das 8,30 ás 14,30 h.

Neste período a cativada ten á súa disposición na sala infantil a mostra Risadas ao sol, cunha selección de volumes pensados para que non falten as risas e a diversión independentemente de que o lugar de vacacións sexa a praia, a montaña, a aldea ou a cidade. Neste mesmo espazo sitúase Exipto, con exemplares que afondan no país africano e na súa cultura, e Andamos polo Medio, a mostra instalada o pasado mes no marco do Día Mundial do Medio para concienciar a poboación máis nova da necesidade de coidar e protexer os ecosistemas.

Por outra banda, no segundo andar pode visitarse a mostra dirixida a darlles visibilidade ás editoriais independentes, cada unha delas especializada nun xénero ou público distinto, desde a banda deseñada ata a divulgación xeral ou os grandes clásicos traducidos ao galego, e Verán na BPS, unha selección de películas e libros que lembran a época estival, ademais dunha listaxe de música na plataforma Spotify aberta ás achegas das persoas usuarias. Ademais, a zona da hemeroteca, no baixo do centro bibliotecario, acolle a instalación Ondas e viñetas, creada para achegarse ao medio mariño a través de diferentes obras de banda deseñada.

Finalmente, permanece no vestíbulo a exposición fotográfica Otro cine: cambiando lugares, froito da colaboración entre a produtora de cinema e teatro Producciones Viequeswood e a fotógrafa e deseñadora gráfica xixonesa Irene Ziel. Trátase de 22 imaxes que ofrecen un percorrido por películas míticas da historia do cine.

Comentarios
Lo más