jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Atlántica programa unha sesión de ‘Contos de arrepío’ para adolescentes no cemiterio de Bonaval

Atlántica programa unha sesión de ‘Contos de arrepío’ para adolescentes no cemiterio de Bonaval
Atlántica programa unha sesión de ‘Contos de arrepío’ para adolescentes no cemiterio de Bonaval

O espectáculo da narradora portuguesa Sofia Maul comezará a partir das 21:30 horas

Este domingo o Festival Atlántica vai ocupar o cemiterio de Bonaval para un espectáculo especialmente concibido para a mocidade: a sesión ‘Contos de arrepío’ coa portuguesa Sofia Maul. A cita será a partir das 21:30 horas e aínda que a actividade é gratuíta, cómpre reservar por adiantado nesta web. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

O público terá a oportunidade de se achegar á tradición oral lusófona da man dunha das súas contadoras máis reputadas. Maul adoita incluír no seu repertorio historias de Madeira, a súa illa natal, que reflicten a idiosincrasia deste cachiño de terra no medio do océano.

Sofia Maul é unha contadora que exerce como tradutora e terapeuta da fala, principalmente con cativos xordos e plurilingües en Madeira. É cofundadora da asociación cultural sen ánimo de lucro ‘Os Contabandistas’, un grupo moi activo na promoción da narración oral como forma de arte performativa contemporánea. Ademais, é cofundadora do festival Terra Incógnita, e en setembro do 2016 organizou coa asociación Xarabanda o primeiro festival de narración oral de Madeira, EVA, ‘Era uma Vez no Atlántico’.

Atlántica non descansa

Este domingo tamén haberá funcións de Atlántica en Alfoz, Lalín, Chantada, Paderne, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Ademais, as actividades do festival continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e están a se desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.

Comentarios
Lo más