Bugallo, disposto a crear unha comisión de seguimento sobre o biopolo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que “estamos dispostos a crear unha comisión de seguimento” sobre o biopolo”, tal e como pedía o Grupo Popular na solicitude do pleno extraordinario convocado o mércores, pero que abandounou por desconformidade no horario. O rexedor, que amosou a súa vontade de colaboración, aclarou que “o biopolo, igual que a industrialización, é un obxectivo común, compartido por todos os grupos políticos, e non debera converterse nunha arma arroxadiza nin nunha ferramenta puramente electoral para conseguir o desgaste do goberno”.
O pleno extraordinario convocouse o mesmo día que o ordinario, ás oito da tarde, segundo explicou o alcalde, “por un principio de economía de recursos”. Un pleno, cun único punto na orde do día, que se celebrou ao haber “quorum” suficiente, pero no que non houbo debate. Os grupos ausentáronse “ao entender que a hora non era adecuada”, engadiu. “É un pleno monográfico de 34 minutos de duración, polo que non vexo problema, se non todo o contrario, en agrupar” as dúas sesións plenarias. Sánchez Bugallo amosou o seu “absoluto respecto pola decisión que tomaron”, e recordoulle que “ningún pleno anterior durara ata as oito da tarde”, a hora en que estaba previsto que dese comezo o pleno extraordinario.
Pero a sesión plenaria ordinaria prolongouse ata pasadas as dez da noite. Á gran cantidade de temas a tratar, sumouse que a maioría de concelleiros da oposición esgotaron as quendas de palabra, e a maiores, debatéronse a práctica totalidade dos puntos da orde do día.“De feito”, asegurou o alcalde,”penso que é o record histórico de duración dun pleno en Santiago. Non me lembro de ningún pleno que empezara ás dez da mañá e rematara ás dez e media da noite. Creo que non o houbo nunca”. O rexedor lembrou que “ a miña obriga é respectar os tempos e as quendas de intervención, e así se fixo”. Normalmente, recordou, “non se agotan os tempos de intervención, nin se intervén en todas as quendas, como sucedeu onte. “
O PP solicitou este pleno extraordinario, cun único punto na orde do día: “Constitución dunha comisión de estudo de carácter especial, integrada consonte a un sistema de voto ponderado por dous membros de cada grupo municipal, para que supervise a participación do Concello no proxecto de creación dun polo de innovación tecnolóxica, avalíe a presumible falta de dilixencia habida e esixa, no seu caso, as responsabilidades oportunas, para debater sobre o proxecto de creación do polo de innovación tecnoloxíca A Sionlla-Biotech. “Nós estamos dispostos a crear unha comisión de seguimento, e así llo trasladamos ao Partido Popular”, sinalou Sánchez Bugallo. “Nós se a vontade é de colaboración e de cooperación, estamos dispostos”.
O alcalde explicou que se trata dun tema “perfectamente encamiñado” no que se están facendo os traballos previos” na parcela da Sionlla onde se vai construir o edificio do biopolo. “Está aprobada a declaración como actuación de interese xeral, está aprobada e feita efectiva a transformación de UNINOVA nunha sociedade propia do Concello de Santiago, está presentando o estudo de detalle aprobado inicialmente (neste momento en fase de información pública que remata o vindeiro día 15), e está presentado o anteproxecto de edificación o pasado 18 de xuño e informado favorablemente o día 22 de xuño”, asegurou Sánchez Bugallo. Agora quedaría pendente, por parte de A Sionlla Biotech, a presentación do proxecto. A continuación, está previsto “aprobar definitiamente o estudo de detalle no pleno do 29 de xullo e ceder formalmente os terreos o 2 de agosto”; e ese mesmo día, se todo vai segundo o previsto, concederlle a licenza.