jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Sae adiante a modificación da ordenanza de circulación e uso da vía pública

Sae adiante a modificación da ordenanza de circulación e uso da vía pública
Sae adiante a modificación da ordenanza de circulación e uso da vía pública

O pleno tambén aprobou dúas declaracións institucionais, unha contra o negacionismo da violencia machista, e outra en contra do ataque á exposición sobre persoas refuxiadas

O Pleno do concello de Santiago, que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de crimes machistas,  aprobou hoxe  unha declaracións institucional, emitida polo Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller, contra o negacionismo.  Tamén aprobou unha moción conxunta de condena ao ataque á exposición sobre as mortes de persoas refuxiadas e migrantes, en defensa deses mesmos colectivos, na que o grupo popular so se adheriu á parte propositiva. 

Declaración negacionismo Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller

Moción conxunta de condena ao ataque á exposición na Alameda sobre as mortes de persoas refuxiadas e migrantes

O pleno aprobou inicialmente, cos votos a favor do Grupo Socialista, a abstención de de PP e Compostela Aberta e o posicionamento en contra do BNG; a modificación da “Ordenanza de circulación e uso da vía pública”. 

Defendeuna o concelleiro de Mobilidade. Gonzalo Muíños explicou que esta modificación responde a dous motivos: a adecuación á normativa estatal, e a regulación dunha serie de aspectos que non estaban contemplados na norma actual. Trátase, engadiu, dun “documento de traballo” froito de “moitas reunións entre os técnicos, cos distintos grupos municipais”, aos que lle agradeceu as aportacións realizadas: “a gran maioría foron contempladas no documento de modificación da ordenanza. Aportacións construtivas, e en positivo, que melloran o documento presentado”, que consta, recordou, de 72 artigos. Das emendas presentadas por BNG e CA, o Grupo Socialista aceptou catro, que se poden consultar neste documento: Emendas aceptadas. 

Gonzalo Muíños rematou tendendo pontes, co “compromiso firme de seguir falando e fortalecendo esta ordenanza por parte de todos, que foi o noso obxectivo desde o minuto un”.  

Proposicións

A primeira proposición para non autorizar a instalación dunha gasolineira no espazo residencial de Brandía, foi debatida xunto á moción número dez, de contido similar. O Grupo do PSdeG abstívose, para facilitar a súa aprobación. Desde o principio, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, incidiu en que “ao Grupo Municipal Socialista non lle pareceu nin parece adecuada a instalación dunha gasolineira nesa parcela” pero recorda que “debemos ser conscientes do terreo no que xogamos, e as normas coas que a legalidade vixente nos permite actuar”

Rosón explicou que “é certo que tras a modificación da Lei de Hidrocarburos, a laxidade da norma que tiña como obxectivo a liberalización do sector e garantir a libre competencia, permite actuacións urbanísticas como ésta”. E aclarou que “o novo proxecto depende dunha autorización autonómica, por parte da Consellería de Medio Ambiente, polo que agora entra nunha fase na que os  técnicos municipais están estudando en detalle o proxecto e as alegacións da veciñanza e de empresas da zona, para resolver a licenza dacordo co seu carácter regrado”.

A concelleira lembrou a sensibilidade do goberno muncipal “ás queixas veciñais, e escoitamos o que os residentes nos trasladan dende que estabamos na oposición. Entendemos as inquedanzas e as dúbidas que lles xorden cun proxecto destas características tan preto da súa urbanización e doutras actividades, e cremos na  lexitimidade das súas alegacións, que están sendo analizadas pormenorizadamente”.

A concelleira recordou que a parcela foi calificada no planeamento como de uso comercial, cumprindo a porcentaxe necesaria deste tipo no Plan Parcial. “A isto debemos engadir que a normativa española e europea que regula este tipo de casos,  aposta de forma clara polos carburantes, e establece a compatibilidade dun uso comercial coa instalación dunha unidade de suministro. Tamén lembrou que no ano 2017, no primeiro proxecto de instalación, o propietario tratou de instalar unha área de servizo, e foi rexeitada. Pero, engadiu, “decidiu plantexar un novo proxecto, que é o que estamos a tratar na actualidade, e que non ten nada que ver co anterior. Neste caso o uso comercial da parcela é superior, e a estación de servizo tería un papel secundario”. 

Mercedes Rosón engadiu que “todos sabemos que a solución para controlar e regular as implantacións destas actividades en parcelas de uso comercial pasa pola reforma do planeamento, que nós xa iniciamos”.

Tamén saiu adiante, coa abstención do Grupo Socialista, a proposición presentada polo BNG para desenvolver un programa de dinamización do comercio local continuado para atraer clientela da comarca e da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, xustificou a abstención recordando que “hoxe a prioridade é recuperar o comercio do interland”, da comarca,  que Compostela perdeu coa pandemia. Engadiu que a proposta “Eu Merco Aquí”, que está a desenvolver o departamento de comercio, “cumpre todos os requisitos que di o BNG: bono-compra, bono-parquing, e incluso actividaes de gardería”. Segundo explicou o rexedor, “abrir outra campaña paralela, dispersaría os esforzos. Cremos que non sería efectiva. Seguiremos con Eu Merco aquí”. 

Sánchez Bugallo non descarta que se poida recuperar a campaña “Compostela, capital de Compras”, á que aludía o BNG, pero, aclara “agora mesmo non é a prioridade”. Recordou que habería que quitar recursos da campaña de dinamización comercial “Eu Merco Aquí, e non hai orzamentos a maiores”. Unha campaña, lembrou, consensuada coas asociacións de comerciantes, “que probablemente non estarían dacordo co cambio”. 

No punto dez, a proposición presentada polo grupo municipal do PP para a creación do borrador tributario da cidadanía e o pagamento a prazos dos tributos; o Grupo Socialista abstívose. A concelleira de Modernización da Administración local xustificou o sentido do voto. Explicou que o pagamento aprazado de tributos xestionados mediante padrón xa é unha realidade que se poderá levar a cabo no ano 2022; que a través da sede electrónica do concello a cidadanía pode xa consultar “en cualquera momento e dende calquera lugar á súa situación tributaria co Concello e que a información tributaria debe facilitarse en calquera momento que o precisen os cidadáns e cidadás e non só a principios de ano”. Tamén aclarou que no proceso de dixitalización “no que estamos inmersos, poremos en marcha novos mecanismos de interacción coa cidadanía que careza de medios electrónicos, mecanismos nos que o recurso ao envío postal será o último”, engadiu. 

Aprobouse, tamén a proposición de apoio á rehabilitación e permanencia do convoi histórico no acceso á estación intermodal. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, xustificou a abstención nas xestións realizadas con ADIF, para que o Museo do Ferrocarril se faga cargo do balcón. Sobre a súa localización, sinalou que “debe quedar nun sitio restaurado, visible e visitable”, que pode ser o actual espazo ou outro. O rexedor engadiu que “o noso compromiso, “desde o ano 1985, é ocuparnos a través do departamento de Parques e Xardíns, da zona axardinada que hai a carón dos vagóns, e ese compromiso mantémolo”. 

A proposición número 12 defendeuna a concelleira de Urbanismo. Mercedes Rosón xustificou a abstención do Grupo Socialista, na proposición presentada polo BNG para unha nova regulación dos avais bancarios cando nas parcelas non existan servizos básicos para evitar desproporcionalidade e discriminacións. A concelleira aclarou que o aval é unha garantía subsidiaria da principal de urbanizar; e que o seu custe depende da contía do orzamento das obras de urbanización e non do solicitante da licenza. “Non é un imposto ou unha taxa sobre a se poda establecer un beneficio fiscal”, aclarou, “o tempo que permaneza vixente e, polo tanto, supoña un coste para o administrado dependerá, non de este Concello, senón do tempo en que se tarde en rematar as obras de urbanización”.

Rosón recordou que nos núcleos rurais, “por aplicación da Lei do Solo e non da Ordenanza que vostede nomea”, en referencia a exposición do BNG, pódese resolver os subministros sen necesidade de facer grandes ampliacións de rede. Engadiu que a Lei do Solo de Galicia articula solucións diferentes para os terreos que se consideran solo urbano non consolidado dos que se consideran núcleos rurais. En relación o período temporal de vixencia dos avais, aclarou que “non se conceden licenzas de primeira ocupación sen que se rematen as obras de urbanización. Os avais realízanse para que o promotor constrúa, constitúense con fin de garantir a execución das obras de urbanización, polo que non se pode establecer o que vostede propón”.

En canto ao suposto carácter discriminatorio dos avais, Mercedes Rosón, sinalou que “non é tal”. En concreto, exlicooulle que “non é que en determinadas clases de solo se permita substituír aval por urbanización. O que se permite en todos os casos é avalar a obriga de urbanizar mentres se edifica pero, en calquera caso, para usar o edificado debe terse rematado a urbanización e cando iso se comproba devólvese o aval. E a diferenciación entre a obriga de enganchar á rede ou non, deriva da Lei do Solo non da Ordenanza ou do PXOM”.

A concelleira de Urbanismo rematou sinalando que “é certo que as Administracións debemos facer un esforzo por incrementar as redes de servizo, pero resulta sobradamente coñecidas as limitacións de recursos e as necesidades de xestionar ou eficacia ou de forma sostible”. Na segunda quenda, interveu o alcalde. Xosé Sánchez Bugallo engadiu que “unha das solucións que se plantexa, de descalificar eses sólos, sería un atraso”. A demanda, sinala “é a dotación de servizos. E ese é o camiño cara o que temos que ir”.

Na última proposicion, presentada polo grupo municipal de Compostela Aberta sobre a apertura do debate a respecto da xestión do ciclo integral da auga, o Grupo Municipal Socialista abstívose. Como recordou a concelleira de Medio Ambiente, e un tema recorrente: “colleron unha vereda, e cando rematou, siguen tirando”. Recordou que non é un asunto novo, que xa comezou en 2015, “cando gañaron as eleccións, propondo a municipalización do servizo. Rematou o mandato, e o 22 de abril de 2019, asinaron novamente un documento coa actual concesionaria, prorrogando o servizo. En catro anos non foron quen de facer o seu compromiso estrela. Porque non o fixeron?”, preguntouse a concelleira. E continuou, “sería cecáis, polo fracaso que supuxo para a cidade a remunicipalización da ORA”. Mila castro interpelou a CA, preguntándolle se fixeran daquela algunha consulta para remunicipalizar este servizo”. 

Mila Castro aclarou que “sempre foi intención deste equipo de goberno  que a forma de xestionar se tomase en función das necesidades do concello, e das mellores decisións para a veciñanza”. Engadiu que “temos un problema grave,que temos que afrontar”, xa que a rede está obsoleta e deteriorada. “Fomos claros no programa electoral. Non enganamos os a ninguén. E fomos claro no plan de contratación”, finalizou.

Interpelación

Na interpelación presentada polo grupo municipal de CA sobre a implementación do Plan de Contratación anunciado en xuño de 2020, a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, sinalou que se está cumprindo. Un plan de máximos, que cualificou como “unha foto das necesidades contractuais existentes no concello de Santiago de Compostela.”. Recordou que foi aprobado en plena pandemia, no ano 2020, “no que se suspenderon durante un tempo nada desdeñable os prazos para licitar e no que o mundo, insisto, o mundo, parouse”. Aínda así, continuou, “aprobamos o primeiro plan de contratación, na busca precismente desa tan necesitada e demanda planificación na execución dos recursos públicos. Foi ademais no ano 2020, cando se adxudicou o maior importe de contratos. Mais de 17.5 millóns de euros”, engadiu. 

O estado dos contratos é o seguinte: 

–         Contrato do lixo: licitado

–         Todos os contratos de Smartiago: adxudicados e en execución.

–         Contrato da escola de música: adxudicado

–         Contrato de Axuda no Fogar: adxudicado e en execución.

–         Contratos relativos á obra de concheiros: adxudicado e en execución

–         Contrato de espazos verdes: adxudicado

–         Contratos relativos á finca do Espiño: licitado e pendente de adxudicar.

–         Contrato de rehabilitación enerxética dos edificios de titularidade municipal: licitado

–         Contrato de subministro e implantación de rede de comunicacións e mobilidade para a solución da administración electrónica: licitado.

–         Contrato de subministro de combustible, peaxes e limpeza. Aprobado en XGL en breve sairá licitado na plataforma de contratación..

–         Contratos de acondicionamento interior e de sondaxes valorativas do castelo da rocha. Licitados e adxudicados.

–         Contratos do departamento de igualdade financiados con fondos Edusi. Licitados e adxudicados.

–         Campo da festa do castiñeiriño: licitado e adxudicado.

–         Obra reparación Muro de Fontiñas: executada

–         Obra e acondicionamento do aparcamento de Triacastela: licitada.

–         Obra do muro de Costiña do Monte: executada

–         Obra da rúa altiboia: licitada.

–         Cuberta de usos múltiples de Santa Marta: licitada.

–         Vehículos para protecicón civil: executadas.

–         Renting de vehículos para a policía local: aprobado en XGL pendente de  licitar.

–         Sistema de ocmunicacións para o parque de bombeiros: licitada.

–         Ludoteca de Fontiñas: adxudicada recentemente en XGL.

–         Obra do peche perimetral de Cancelas: executada

–         Diversas obras no ámbito rural, está licitadas 12 do plan de contratación. A destacar:

  •  Pajuela: licitada
  • Reparación e consolidación da ponte vidán POS 2019
  • Senda Peonil San Martiño
  • Prolongación acera rúa do tambre entre Meixonfrío e o polígono do Tambre.
  • Acondicionamento do centro sociocultural de A Gracia

As actuacións pendentes actuacións por licitar, sinalou “terán reflexo no plan de contratación 2021. A prioridade sempre será todo o que afecta de modo directo á cidadanía”, En concreto, a concelleira destacou os máis importantes polo seu estado: 

–         Contrato do ciclo integral da auga: a estrutura de custes está finalizada. 

–         Contrato do transporte

–         Os contratos que afectan ao ámbito educativo, en especial as escolas infantís.

–         Os investimentos, tendo prioridade na súa execución os financiados con RLT, xa licitadas, e pendentes de adxudicación.

En canto á previsión da presentación do II Plan de Contratación, que recollerá, contratos licitados durante o ano 2021, “estámolo ultimando”, asegurou. E engadiu, “boa parte dos contratos recollidos no citado plan xa estarán licitados e os outros tentaremos licitalos de cara a final de ano, non sen esforzo, sobre todo na área de modernización e de réxime interno xa que estamos embarcados como ben saben na implantación da administración electrónica por un lado e na profunda reestruturación dos recursos humanos por outra”. 

Mocións

Na moción para regularizar a situación dos antigos empregados do bus ao aeroporto e impulsar unha liña de aerobús que conecte a intermodal e o Rosalía de Castro de xeito directo, o Grupo Socialista abstívose. O concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, sinalou que  “cando chegamos ao goberno atopamos un expediente desactualizado”, polo que se procedeu a volver facer os estudos e as tramitacións administrativas pertinentes. Sobre a situación do persoal, sinala que “a posición do goberno non mudou. O concello de Santiago non tiña ningún tipo de relación contractual coa empresa saínte. Non estamos a favor desa perda de emprego, pero tense que limitar ás marxes establecidas na normativa de contratación laboral”, de aí o sentido do voto socialista. 

Gonzalo Muíños continuou sinalando que “coa nova licitación do contrato xa vai haber liñas lanzadeiras”. E explicou que se incorporaron dous vehículos de maior capacidade, “con expedicións parciais de reforzo para evitar problemas de carga, e vaise coordinar coa liña P5, para que ambas se complementen, para dar servizo, tanto á veciñanza como os turistas”. O concelleiro rematou sinalando que na última semana non están os aforos completos, como sucedía anteriormente.

A moción número dous, sobre a memoria democrática presentada por Compostela Aberta, defendeuna o concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte. Votouse por puntos. A Grupo Socialista votou a favor do punto un, que se convoque, á maior brevidade posible, a Comisión de Memoria Histórica do Concello de Santiago e que se incorporen á mesma propostas de persoas, institucións e colectivos referentes en Compostela, no ámbito da Historia e a Memoria. Nos dous puntos seguintes abstívose. Son os referidos a que a Comisión elabore un plano de actuación de Memoria Democrática concordando co espirito da nova Lei, fundamentalmente no relacionado á participación social e á reparación das vítimas; e que neste plano de actuación de Memoria democrática se recollan accións de investigación, sinalización e propostas de intervención sobre os lugares da memoria e da resistencia democrática que teñen caído no esquecemento para a súa resignificación.

Nos puntos catro e cinco, o PSdeG local tamén votou a favor. A número catro, sinala que “en todos os puntos anteriores, de xeito transversal, exista un especial tratamento ao papel activo das mulleres en Compostela como protagonistas da loita pola democracia e polos valores da liberdade, igualdade e solidariedade”. E a número cinco “instar ás administracións galega, estatal e provincial a colaborar co Concello de Santiago no impulso destas políticas de Memoria Democrática”.

A moción número tres, sobre o acondicionamento do acceso peonil ao Monte do Gozo desde o Estadio de San Lázaro, a través da rúa das Estrelas, foi aprobada por unanimidade de todos os grupos da Corporación Municipal.

O Grupo Socialista, igual que Compostela Aberta e BNG, votou en contra da moción presentada polo PP para esixirlle ao Goberno de España que respecte as decisións xudiciais e non conceda o indulto aos líderes independentistas cataláns condeados  por sedición. O concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, sinalou que “cremos na oportunidade e utilidade pública destes indultos”. Unha decisión, engadiu, “máis que xustificada para abrir unha porta e encamiñar” a actual situación política en Cataluña. Recordou que “a aplicación dos indultos implica a observancia do conxunto do ordenamento xurídico. Non é unha amnistia. Non é a negación do delito. É unha alternativa o cumprimento efectivo da pena”.

A moción número cinco, para a participación activa do Concello de Santiago de Compostela na estratexia galega de atención á soidade non desexada foi aprobada por unanimidade. A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, incidiu no compromiso do goberno municipal co colectivo. Recordou o novo  contrato do SAF, o Servizo de Atención no Fogar, “con máis de 3 millóns anuais de euros de incremento. Porque a Xunta non se implica neste tema, xa que leva moito tempo sen aumentar o custe da hora por este servizo. Unha subida que asumimos os concellos”, o que contribúe, continuou, a afogar aínda máis as finanzas municipais. Mila Castro lembrou que desde o SAF está atendendo a “case 5.000 persoas maiores que viven soias” en Santiago; e reiterou a vontade de colaborar co Xunta en todas aquelas accións que contribúan a mellorar a calidade de vida dos nosos maiores.

A moción número seis, para “instar ao goberno de España a baixar o prezo da luz, actuando sobre determinados impostos e custos regulatorios”, presentada polo PP; e a presentada polo BNG para unha nova regulación  da tarifa eléctrica que beneficie os territorios produtores de enerxía e se reduza o IVE ao 4%; foron debatidas conxuntamente. 

Defendeunas o concelleiro de Relacións Institucionais. Sindo Guinarte sinalou “que é un tema que nos preocupa a todos, porque afecta ás familias máis vulnerables, pero tamén ás empresas e aos sectores económicos”, e a propia competitividade dos negocios. Recordou que “non houbo subida de impostos neste ambito por parte do goberno socialista”, pero que si houbo tres subidas de impostos cos gobernoso do PP. E tamén lembrou que o IVE xa se reduciu non pasado Consello de Ministros. En canto ao resto de acordos da moción, sinalou que  “non temos claro que sexan aceptables pola normativa europea, e non temos claro que nos beneficien como territorio produtor de enerxía eléctrica”, polo que anunciou a abstención nas dúas mocións.

Minuto de silencio e intervencións

O pleno, como ven sendo habitual, comezou cun minuto de silencio, de condena e rexeitamento á violencia de xénero. A continuación interviron Marta Portela Fernández, en representación da Asociación Cívica Composcleta; Paulo López Porto, en representación da Comunidade de Propietarios da Urbanización de Brandía; e David Rouco Carreira, como persoa interesada en relación ao punto relativo á moción de Compostela Aberta para “regularizar a situación dos antigos empregados do bus ao aeroporto e impulsar unha liña de aerobus que conecte a Intermodal e o Rosalía de Castro de xeito directo”.

A continuación aprobáronse varios expedientes de crédito. Son: 

-O crédito extraordinario 2021-CREXT-05 por importe de 56.254,65 euros e un suplemento de crédito, 2021-SUPLE-03, por importe de 22.513,63 euros. O primeiro destinarase, segundo explicou a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, a confinanciar á adquisición dun vehículo con distintivo ambiental cero emisións destinado ao proxecto de sendas dos Xiros dos Montes de compostela (7.900 euros); e a confinanciar a actuación relativa ao acondicionamento do camiño agrícola en Resquesende (48.354,65 euros). En canto o suplemento de crédito, será, integramente destinado, a completar o crédito para o selado do vertedoiro de Aríns.

-O crédito extraordinario 2021-CREXT-05, por un importe de 48.000 euros para gastos xerais do concello; e o recoñecemento extraxudicial de créditos para aprobar unha parte dos gastos rexistrados na conta 413.

-O  expediente de modificación de crédito mediante crédito extraordinario 2021-CREXT-06 por importe 48.000 euros (25.000 euros para a entidade deportiva Fundación Educación e Deprote de Santiago – FEDESA-, 8.000 euros destinados á Federación Española de Luchas Olímpicas y Disciplinas asociadas para colaborar na celebración do campionato de España, celebrado en Santiago e 15.000 euros destinados ao Club Scudería SC21. Tamén se aprobou suplemento de crédito 2021-SUPLE-04 por importe 31.000 euros (2.500 destinados á Federación de Kárate e disciplinas deportivas, 10.000 para subvencións de concorrencia; e 18.500 para obras relativas ao pulido e vernizado da tarima do parqué do Pavillón de Fontiñas). 

Tamén se debateu  e aprobou a proposta da concelleira delegada de Economía e Facenda de declarar non dispoñibles os créditos incluídos na aplicación 060/33800/2269900 para o exercicio de 2021.

Por outra banda, aprobouse a modificación do cadro de persoal para o ano 2021. Segundo explicou a concelleira, Marta Abla, a proposta que se someteu a consideración,  ten unha doble finalidade: por unha banda, avanzar na unificación do réxime xurídico do cadro de persoal do Concello de Santiago de Compostela; e por outro lado, na necesidade de modificar a plantilla de postos de traballo do Concello, para introducir cambios organizativos necesarios para a inminente relación de postos de traballo, coa finalidade última de utilizar do modo mais eficiente posible os recursos públicos dispoñibles.

En canto á primeira finalidade, sinalou Marta Abal, “proponse á funcionarización da totalidade das prazas de réxime xurídico laboral existentes no concello de Santiago de Compostela. Afecta a un total de 64 prazas. En canto á segunda finalidade, modificar a plantilla de postos de traballo do concello, deriva, sinalou a concelleira de Persoal, “da necesidade de cambios de creación e supresión de postos de traballos” que se recollerán na relación do cadro de persoal”. 

Comentarios
Lo más