O PP pide explicacións sobre o retraso do polo biotecnolóxico
Constela Ramos destacou que tamén se lle pedirá ao Grupo de Goberno a constitución dunha comisión de seguimento para que determine as responsabilidades susceptibles de ser esixidas polo retraso no que se atopa dito proxecto e que esa comisión supervise tamén a tramitación pendente, a fin de evitar máis demoras
O concelleiro do Partido Popular, José Antonio Constenla, anunciou hoxe en rolda de prensa que o seu Grupo Municipal vén de pedir a celebración dun Pleno extraordinario co fin de abordar a “situación de risco” na que se atopa o proxecto do polo biotecnolóxico, xa que acumula un importante retraso, co risco que fracase o proxecto.
O Grupo Municipal Popular solicitaralle tamén ao Goberno local a constitución dunha comisión de seguimento para que determine, examinando os tempos lentísimos de cada trámite do expediente, as responsabilidades susceptibles de ser esixidas polo mencionado retraso e que esa comisión supervise a tramitación pendente, a fin de evitar máis demoras.
O concelleiro Popular subliñou a importancia deste proxecto e cal é a súa situación actual. En xuño de 2021, a Xunta de Galicia concedeu 4 millóns de euros a unha sociedade Sionlla Biotect, participada pola Asociación de Empresarios do Tambre, a Cámara de Comercio de Santiago e por Uninova, para que antes de xullo de 2022 se construíse un centro de fabricación avanzada sobre unha parcela que o Concello tiña que ceder. Pasado máis dun ano deste acordo, o Concello non moveu ficha e non foi quen de ceder a parcela, polo que existe un risco evidente de perder os 4 millóns de euros, pero aínda que o Goberno galego chegue a ampliar o prazo inicial, a neglixencia ou falta de pulso do Concello é tan grave que esixe a constitución dunha comisión que aclare o acontecido.
Para Constenla Ramos, “merece a pena que se lle explique aos cidadáns o por que do retraso, ao noso xuízo totalmente inxustificado, dun proxecto como o do polo biotecnolóxico que é estratéxico para a cidade. A ninguén se lle escapa que despois dos meses de pandemia quedou en evidencia que a cidade non pode apostar por un modelo produtivo só baseado no turismo ou no comercio de inmediatez, é necesario apostar por unha industrialización e por un tecido produtivo que fortaleza a economía de todos e, sen dúbida, o proxecto do polo biotecnolóxico significa apostar polas novas tecnoloxías e a investigación”.
Na súa intervención, José Antonio Constela tamén denunciou a falta de transparencia do alcalde, posto que, unha vez solicitado o Pleno polo Grupo Municipal Popular, o alcalde, de maneira unilateral, sen consultalo con ningún dos voceiros das distintas forzas que representan a cidadanía santiaguesa neste Concello, convocouno para as 20.00 horas do mesmo día do Pleno ordinario, cun propósito claro de dificultar o seguimento deste debate plenario por parte dos medios de comunicación ou coa intención de que este importante asunto se dilúa no amplísimo número de temas que xa leva o Pleno ordinario.