Piden o acondicionamento do acceso peonil ao monte do Gozo desde o estadio de San Lázaro
María Castelo explica que a súa proposta sería mellorar e ampliar, no posible, o pavimento da marxe esquerda da rúa en dirección ao Monte do Gozo xa que é na que resulta máis sinxelo actuar ao contar xa con bordes, canalizacións e unha base de zahorra, aínda que moi irregular
A vicevoceira do Grupo Municipal Popular, María Castelao, pediralle ao Goberno lococal no vindeiro Pleno ordinario que proceda a mellorar o acceso peonil que discorre entre as proximidades do estadio de San Lázaro e a entrada do auditorio do Monte do Gozo, a través da rúa das Estrelas, cunha actuación que lle permita dar seguimento á nova senda peonil na rúa de San Martiño; que leve a cabo a instalación da iluminación pública neste tramo, cuxo proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno Local en agosto de 2020; e que inicie a redacción do proxecto para a dotación de beirarrúas na rúa de San Martiño, entre a rúa das Estrelas e a Avenida de San Marcos.
María Castelo explica que a súa proposta sería mellorar e ampliar, no posible, o pavimento da marxe esquerda da rúa en dirección ao Monte do Gozo xa que é na que resulta máis sinxelo actuar ao contar xa con bordes, canalizacións e unha base de zahorra, aínda que moi irregular.
O acabado podería ser semellante ao que se executou na nova senda peonil da rúa San Martiño, con capa superior de xabre granítico sobre base de zahorra artificial compactada con proctor modificado. Segundo as estimacións, calculadas tendo en conta o citado proxecto xa executado da rúa San Martiño, o orzamento aproximado para esta actuación estaría arredor dos 35.000 euros, unha cantidade que creemos asumible para as posibilidades orzamentarias municipais, cabendo a posibilidade mesmo de solicitar a colaboración da Xunta de Galicia.
A maiores, “para completar a funcionalidade desta mellora, o Concello debería instalar canto antes a iluminación pública en todo este tramo, que actualmente carece del, para facilitar o tránsito e aumentar a seguridade”, engade a concelleira Popular que tamén remarca que o proxecto para executar esta instalación eléctrica xa foi aprobado pola Xunta de Goberno Local hai dez meses, concretamente o 31 de agosto de 2020.
Por último, Castelao Torres propón a redacción dun proxecto para dotar de beirarrúa á rúa de San Martiño, no tramo que discorre entre a rúa das Estrelas e a Avenida de San Marcos, unha actuación máis complexa que a que se propón para a rúa das Estrelas, ao non dispoñer sequera de beiravías. Deste xeito, tamén se lle daría continuidade á nova senda de San Martiño, coa mellora do acceso as vivendas e mesmo ao complexo hostaleiro situado nesa zona.
Actuacións necesarias e xustificadas
Un dos accesos máis funcionais para o desprazamento peonil ata o Monte do Gozo, en especial ao seu auditorio, é o que parte das inmediacións do estadio de San Lázaro, coincidindo co trazado do Camiño de San Martiño de Aríns e a rúa das Estrelas. De feito, foi un dos itinerarios recomendados con maior preferencia na celebración do festival do Son do Camiño, que congregou a miles de persoas durante os anos 2018 e 2019, aínda que durante eses días se procedía a cortar a rúa para permitir o uso da calzada por parte dos peóns.
A importancia deste itinerario vén marcada, sobre todo, pola súa facilidade para desprazarse entre a zona de aparcadoiro do estadio, con capacidade para centos de vehículos, e a zona de celebración de eventos multitudinarios. Unha facilidade que non é completa, posto que nos aproximadamente 1,5 km de lonxitude desta ruta, as dúas terceiras partes non dispoñen de beirarrúas nin beiravías en condicións para transitar coa seguridade e comodidade necesarias, a pesar de contar con elementos de urbanización, como os bordes da calzada e conducións de pluviais, que farían sinxela unha adecuación para mellorar a súa funcionalidade. Sen dúbidaesa circunstancia foi un dos motivos principais para o ocasional peche da rúa ao tránsito de vehículos, para destinala a uso peonil, como se comentou anteriormente.
Afrontar unha actuación neste tramo non só beneficiaría aos asistentes ocasionais aos actos que se celebren no auditorio do Monte Gozo, senón que sobre todo estendería os seus beneficios ás vivendas unifamiliares que se asentan na contorna da Agra dos Campos e a un crecente número de cidadáns que empregan a ruta para o lecer e o deporte, dándolle continuidade ao novo itinerario peonil da rúa de San Martiño que conecta con Aríns.
Finalmente, a vicevoceira Popular destaca que unha actuación semellante á realizada nesa nova senda da rúa San Martiño é a que se podería acometer neste acceso ao Monte do Gozo, que discorre entre o paso inferior da AP-9 e a entrada ao Auditorio, nunha lonxitude de algo máis de un quilómetro que hoxe presenta un firme moi irregular e cheo de vexetación que en varios tramos apenas permite transitar por un estreito carreiro, tal e como se pode apreciar nas imaxes que se acompañan.