miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Grupo Popular manifesta o seu apoio á rehabilitación e permanencia do convoi histórico no acceso á estación intermodal

O Grupo Popular manifesta o seu apoio á rehabilitación e permanencia do convoi histórico no acceso á estación intermodal
O Grupo Popular manifesta o seu apoio á rehabilitación e permanencia do convoi histórico no acceso á estación intermodal

Instan ao Goberno local para que, o máis rápido posible, se dirixa ao ADIF, á Fundación de los Ferrocarriles Españoles e á Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril para expresarlles este apoio e procurar colaboracións para lograr a rehabilitación, conservación e mantemento destes elementos ferroviarios


O Grupo Municipal Popular presentará, no vindeiro Pleno ordinario deste mes, unha proposición co fin de manifestar o seu apoio á rehabilitación e permanencia do convoi histórico no acceso á estación intermodal, tal e como o manifestaron hoxe o portavoz do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete; e o presidente do Partido Popular, Borja Verea Fraiz, nunha visita a esta zona.

Para elo, os Populares pídenlle ao Pleno que manifeste o seu apoio á permanencia da antiga locomotora ALCO 1808 e o vagón coñecido popularmente como “Verderón” no frontal da explanada ferroviaria de acceso á estación intermodal, onde se atopa actualmente e que inste ao correspondente órgano municipal para que, o máis rápido posible, se dirixa ao ente estatal Administrador das Infraestruturas Ferroviarias (ADIF); á Fundación de los Ferrocarriles Españoles e á Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril para expresarlles este apoio e procurar liñas de colaboración mutua para lograr a rehabilitación, conservación e mantemento destes elementos ferroviarios.

Ademais, solicitan que se organice unha visita da Corporación á sede da Asociación radicada no histórico convoi ferroviario para coñecer de primeira man a súa situación, tanto no seu interior como no seu exterior.

Cabe lembrar que, a principios deste mes de xuño, o alcalde de Santiago realizou unhas declaracións públicas nas que, cunha inusitada falta de sensibilidade e unha discutible visión estética, condenaba a permanencia dunha estrutura ferroviaria histórica na explanada da estación ferroviaria, chegando a afirmar que ofrecía “unha imaxe lamentable” e que “non pinta nada” nese lugar, avogando pola súa retirada.

Para os Populares, sorprende que o alcalde teña feito unhas manifestacións deste tipo sen documentarse antes sobre o valor e o significado do obxecto da súa crítica, posto que tanto a locomotora como o vagón ferroviarios, son pezas históricas e forman parte da memoria colectiva recente da cidadanía compostelá.

A idea do alcalde de retirar a locomotora e o vagón contrasta coa actitude do Concello, do seu grupo e mesmo da súa persoa no pasado, posto que o vagón foi rehabilitado no ano 1985,durante o primeiro goberno presidido por Xerardo Estévez con Sánchez Bugallo como xefe de gabinete, empregando os propios medios municipais. Posteriormente, con Sánchez Bugallo no seu terceiro mandato como alcalde, no ano 2006, engadíuselle a locomotora, onde se instalou unha maqueta que visitaron dous anos despois centos de escolares nunha xornada presidida por Manuel Fraga e o propio Sánchez Bugallo.

Para o Grupo Municipal Popular, resulta preocupante a visión estética do alcalde que condena unha locomotora e un vagón históricos e integrados no medio ferroviario, mentres defende e mantén -destinando a iso centos de miles de euros- unha estrutura extravagante e allea a súa contorna como é o adefesio da Casa da Xuventude.

En lugar do rexeitamento expresado polo alcalde, os Populares creen que o correcto sería que o Goberno local conservara e mantivera estes elementos, como fixo no pasado, buscando a colaboración do ADIF ou da Fundación de los Ferrocarriles Españoles coa Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril que ten alí a súa sede, para a súa posta en valor.

Estas instalacións, que presentan en xeral un bo estado interior, precisarían só dun pequeno investimento para a súa rehabilitación e pintado que lle permitiran sacar partido tamén ao seu interior, posto que albergan unha sala de reunións, biblioteca, oficinas, unha singular maqueta ferroviaria e unha cabina que conserva o cadro de mandos dunha vella locomotora. Un espazoque -xunto coa nova estación intermodal- podería empregarse para distintas actividadesescolares, culturais e mesmo turísticas.

Unha acción de posta en valor semellante á que aquí se propón foi levada a cabo nos últimos anos polo Concello de Vedra ao rehabilitar un vagón de 1982 para convertelo nun coworking, un lugar compartido para o traballo que foi recoñecido recentemente polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.


Comentarios
Lo más