Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra a instalación de "un vertedero encubierto" en Teo
Arredor de 2000 persoas ateigaron as rúas de Compostela para pedir a paralización do plan de restauración da antiga canteira da Casalonga
Cando o confinamento chamou ás nosas portas en marzo de 2020, a veciñanza da Casalonga tiña previsto saír ás rúas de Compostela para reclamar respostas á súa situación. A situación sociosanitaria fixo que naquel momento a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos considerara o adiamento sine die daquela convocatoria. O día chegou un ano e tres meses despois, este domingo 13 de xuño, ante o coñecemento de que un novo plan de restauración fora presentado pola empresa propietaria da vella canteira en maio de 2020 co silencio cómplice da Dirección Xeral de Minas.
A mobilización deu comezo ás 8.00h co peche autorizado da pista cuxa titularidade vén sendo outra fonte de conflito nos últimos meses, dende que a empresa viguesa se adxudicou inicialmente a súa propiedade para logo iniciar un proceso de expropiación dun ben público que deixaría incomunicados aos residentes que a diario a empregan para chegar ás súas casas e outras propiedades. Dende alí, un grupo de máis de 200 persoas saíron a pé polo camiño portugués, vieiro que historicamente une esta localidade coa capital, para reunirse ás 12.00h na Alameda de Santiago co resto da veciñanza que acudira ata alí en autobuses ou polos seus propios medios.
Unha vez na Alameda tivo lugar o simbólico traspaso do lugar que ata entón ocupara a pancarta contra a Mina de Touro para deixar paso a unha nova colocada pola xente da Casalonga. Terminado este acto, unhas 2500 persoas botaron a andar en dúas columnas ateigando as rúas de Compostela de proclamas e bandeiras.
A marcha, que en todo momento respectou as normativas vixentes de prevención anti-Covid, chegou un pouco antes das previstas 13.00h á Praza da Quintana, onde realizaron a lectura dun manifesto no que se insistiu na escasa credibilidade que teñen para a veciñanza as intencións dunha empresa que, como se lembrou, non se dedica á minería senón á xestión de residuos.
A mobilización contou co apoio dun centenar de asociacións, tanto locais como estatais, moitas das cales se achegaron coas súas propias pancartas mentres que outras mandaron o seu apoio na distancia.