miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Lousame abre as inscricións do programa 'Lousame Concilia'

Lousame abre as inscricións do programa 'Lousame Concilia'
Lousame abre as inscricións do programa 'Lousame Concilia'

As familias poderán optar por anotar ás crianzas para os dous meses, a razón de 15 euros aomes, ou tamén por días soltos

O Concello de Lousame abre dende o luns 7 de xuño ata o vindeiro 10 de xuño o prazo de inscrición no programa ’Lousame Concilia. Ludoteca de Verán 2021’, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que terá lugar durante os meses de xullo e agosto. A Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas. As inscricións deben realizarse no Rexistro Municipal e o número de prazas vaise adaptar aos límites establecidos na normativa vixente fronte á Covid-19.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “dende o Concello de Lousame somos conscientes da necesidade de seguir mantendo as iniciativas de conciliación da vida familiar e laboral, polo que tendo en conta todas as medidas de seguridade da Covid-19, un ano máis presentamos o ‘Lousame Concilia de Verán.

Ao longo do tempo, a iniciativa veuse consolidando a través dunha ampla demanda por parte das familias”.

Os prezos non varían con respecto a anos anteriores. No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será de 15 euros/mes. Para anotarse só terán que descargar e cumprimentar a solicitude correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal (www.concellodelousame.gal). Ademais de presentar a última nómina ou recibo de autónomos (para acreditar a situación laboral e ingresos) e a certificación bancaria orixinal do número de conta (no caso de menores que este curso non asistiran a ningún servizo do Lousame Concilia), tamén será necesario presentar declaración xurada de residencia efectiva e acreditable en Lousame e certificado de monoparentalidade emitido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

No caso das familias interesadas en que o seu fillo ou filla participe en días soltos, só terán que chamar ao teléfono 616 345 812, sempre e cando haxa prazas libres. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou nos teléfonos 981 820 494 e 689 126 385.

Baremo de admisión

No caso de haber máis demanda que prazas, aplicarase un baremo para a admisión no que os nenos/as empadroados/as e con residencia efectiva e acreditable no municipio recibirán 3 puntos e aqueles que teñan a ambos proxenitores traballando recibirán 2 puntos (ou un proxenitor no caso de familias monoparentais). Finalmente, outorgarase 1 punto aos menores que teñan a un dos proxenitores empregados e aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar. En caso de empate, aplicarase o criterio da orde de inscrición, seguindo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. As solicitudes que non obteñan praza pasarán á lista de espera.

Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.

Comentarios
Lo más