4.947 axudas directas da Xunta aos establemecementos hostaleiros da comarca de Santiago
En toda Galicia, as axudas da Xunta ascenderon a 182 millóns de euros de fondos propios que o Goberno galego puxo a dispor de autónomos, microempresas e actividades afectadas polos peches sanitarios durante a pandemia
Os establecementos de hostalaría da comarca da área de Santiago recibiron 4.947 axudas directas no 1º e no 2º plans de rescate, ás que a Xunta destinou 12,4 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a un dos sectores máis afectados pola pandemia e polas medidas sanitarias. Por grandes cidades, a de Santiago recibiu 2.432 axudas por valor de 6,4 millóns.
En toda Galicia outorgáronse máis de 37.000 axudas directas en ambos os dous plans de rescate, co que chegaron case a nove de cada dez bares, restaurantes, cafeterías e outros establecementos de alimentación e bebidas radicados na Comunidade. Todos estes apoios supuxeron ata o de agora un desembolso de 86,6 millóns de euros das arcas autonómicas.
Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a estes negocios e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade. Máis da metade dese diñeiro foi parar ao sector hostaleiro.
3º Plan aprobado
O Consello do Goberno galego, pola súa banda, vén de aprobar o 3º plan que, no seu caso, nutrirase de fondos do Estado dos que 234,4 millóns de euros corresponderán á Comunidade, apenas o 3,3% dos 7.000 millóns que se repartiron en toda España.
Dentro da escasa marxe de manobra que o Goberno central deixa ás comunidades, Galicia priorizará que as axudas cheguen ás persoas traballadoras autónomas e microempresas que supoñen o 97% do tecido produtivo galego. Para elas resérvanse 200 dos 234 millóns de orzamento, o 85% do plan.
En consenso do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego Autónomo, a Xunta vén de deseñar un 3º plan que prevé axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para persoas traballadoras autónomas, microempresas, pemes e empresas, establecidas en función da baixada de facturación padecida a causa da covid e o número de persoas empregadas ao cargo.
Outra das aportacións de Galicia ao plan consistiu estender as axudas a todas as actividades económicas, e non só ás 95 apuntadas polo Real Decreto do Estado, sempre e cando poidan acreditar unha caída de ingresos dun 40% ou máis.
Co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plans de rescate e concederá o anticipo do 100% dos importes coa mera presentación dunha declaración responsable.
Coa convocatoria do 3º plan, a Xunta terá destinado cerca de 560 millóns en axudas directas en seis meses aos sectores máis prexudicados pola pandemia: 416 millóns dos tres plans de rescate e a contía restante correspondente a diferentes departamentos da Xunta que veñen de apoiar a axencias de viaxes, ocio nocturno, orquestras ou ao sector das artes escénicas e musicais, entre outros sectores.