Os Populares piden que se corrixan as deficiencias existentes na senda peonil que se está a construír entre Paredes de Laraño e o Centro Socio Cultural da parroquia
Reclaman tamén que o Goberno local redacte o proxecto e execute as obras para crear a via peonil que conecte a estrada AC-543, na Barcia-Vidán, coa senda xa construída ata Paredes de Laraño, incluíndo a ampliación da ponte sobre o río Sar e a accesibilidade ao centro asistencial da asociación Aspas
Nas últimas semanas, son numerosas as queixas da veciñanza e usuarios que transitan por unha das estradas que pasa pola parroquia de Laraño, xa que teñen detectado deficiencias na senda peonil que se está a construír no itinerario entre Paredes de Laraño e o centro sociocultural da parroquia. Por iso, o Grupo Municipal do Partido Popular, despois de visitar as obras o portavoz, Alejandro Sánchez- Brunete, presentará no vindeiro Pleno unha proposición na que reclama ao Goberno local que corrixa ditas deficiencias que para a accesibilidade representa o itinerario que se está a executar.
Así mesmo, reclaman que o Grupo de Goberno redacte o proxecto e execute, conforme ás previsións orzamentarias, as obras para a creación da senda peonil que una a estrada AC-543, na Barcia-Vidán, coa senda xa construída ata Paredes de Laraño, incluíndo a ampliación da ponte sobre o río Sar e a accesibilidade ao centro asistencial da asociación Aspas na rúa da Xunlla.
Antecedentes
Hai máis de cinco anos, en sesión do 9 de novembro de 2015, o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha proposición presentada polo Grupo Popular para a construción dunha senda peonil que unira o núcleo de Larañiño coa estrada AC-543 Santiago-Noia, á altura de A Barcia-Vidán. Para ese fin, existía xa un proxecto redactado con anterioridade e unha partida habilitada nos remanentes do orzamento de 2014.
Tratábase de complementar a senda peonil que se ía iniciar daquela por parte da Xunta de Galicia na marxe da vía autonómica ata o concello de Ames, coa construción dun ramal duns 250 metros -coincidente coa rúa da Xunlla- que serviría para mellorar o acceso e a seguridade viaria á residencia de Aspas “Juan Vidán Torres”.
A pesar do tempo transcorrido, e dos recordatorios realizados publicamente ao longo do pasado mandato a obra quedou sen acometer, aínda que o Goberno manifestara en 2016 que xa tiña encargado un novo proxecto e que o incluiría como “obra prioritaria para a parroquia de Laraño nas vindeiras convocatorias de plans de obras”.
Pero co paso do tempo, os Populares denuncian que, en lugar de avanzar nesa actuación, cualificada como prioritaria, o actual Goberno de Sánchez Bugallo optou por levar adiante outro tramo distinto nesa mesma zona, encargando un novo proxecto redactado e aprobado en setembro de 2019- para unha “senda peonil e reforzo de calzada en Paredes de Laraño”, obraque foi proposta para a súa inclusión na segunda fase do Plan Único de Concellos POS + adicional 1/2019 da Deputación da Coruña cuxo prazo para presentación de documentaciónremataba o 13 de setembro de 2019.
Esta senda en Paredes de Laraño, cunha lonxitude duns 500 metros entre a rúa da Xunlla e o centro sociocultural da parroquia, foi adxudicada o 16 de novembro do pasado ano, por un importe de 167.827 e cun prazo de execución de catro meses.
Deficiencias na execución e incumprimentos
Na actualidade, as obras están próximas ao seu remate, pero nelas destácase o mantemento de varios postes na parte central da senda -como se pode apreciar nas fotografías anexas- que dificultan o tránsito peonil, incumprindo a actual normativa de accesibilidade, a pesar de que a memoria do proxecto menciona explicitamente que se tivo en conta.
Como consecuencia da orde de prelación establecida polo Goberno municipal, queda pendente a conexión desta senda coa estrada Santiago-Noia (AC-543) en A Barcia-Vidán, por onde discorre a senda executada pola Xunta, precisamente, o tramo inicial que fora priorizado pola Corporación en pleno de forma unánime hai cinco anos e que hoxe continúa a ser tan necesario, ou máis se cabe, que daquela.
Para afrontar este tramo da senda desde a AC-543 faise preciso anchear o paso sobre o río Sar, para o que ao parecer o Concello está a traballar nun proxecto para ampliar a plataforma nese punto, e completar os algo máis de 250 metros para darlle continuidade a este itinerario peonil que iría ata o centro sociocultural e facilitaría o acceso ao centro asistencial de Aspas evitando un traxecto de evidente perigo para peóns e ciclistas pola ausencia de beiravías.