Solicitan que o bus da liña 6 ao aeroporto garanta prazas para a veciñanza
A alta ocupación desta liña con pasaxeiros da terminal deixa sen recoller a usuarios habituais nas paradas intermedias
O Grupo Popular tenlle formulado unha pregunta ao Goberno local sobre as deficientes condicións nas que se está a prestar o servizo de transporte público entre Santiago e Lavacolla, que están a ocasionar un elevado número de queixas da veciñanza, especialmente, daquela que reside ao longo do traxecto que conecta o aeroporto co centro da cidade, como consecuencia de que en moitas ocasións non son recollidas nas paradas debido á saturación duns vehículos maiormente ocupados con pasaxeiros coas súas equipaxes.
En relación con esta situación, os Populares queren saber as medidas que pensa poñer en marcha o Goberno de Sánchez Bugallo para solucionar, canto antes, esta carencia de prazas que se manifesta en varias frecuencias ao longo do día. Unha urxencia que vén motivada polo maior agravamento que cabe esperar cando se incremente o tráfico aeroportuario, na actualidade aínda moi escaso.
Un problema anunciado
A problemática que se podería ocasionar pola adscrición do anterior servizo público de viaxeiros específico ao aeroporto de Lavacolla á liña 6 do transporte urbano xa foi posta de relevo desde principios de ano polo Grupo Popular mediante unha pregunta no Pleno, na que advertía das deficiencias no servizo que xa comezaban a producir incomodidades e contratempos, tanto para pasaxeiros con destino ao aeroporto como para as persoas usuarias residentes ao longo do itinerario.
Daquela xa se aludía a unha falta de previsión que estaba a ocasionar a falta de espazos para as equipaxes, emprego de vehículos usados de diferentes cores, incumprimento das frecuencias e imprevisións na redución de capacidade dos autobuses imposta polas limitacións da pandemia da Covid-19.