Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais de entre 5 e 14 anos ofrecerán un concerto este sábado no centro
Son un total de once rapaces que tocan o violín e o violoncello
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago, préstalle unha atención especial á formación musical dos máis pequenos. Este ano académico celebrouse unha nova edición do curso de corda para nenos, centrado nas especialidades de violín e violoncello. Búscase así que as xeracións máis novas de músicos teñan a oportunidade de mellorar os seus coñecementos e a práctica en relación a estes instrumentos.
Como broche final do curso, que comezou en novembro de 2020 e acaba este mesmo mes de maio, os alumnos protagonizarán un concerto este sábado, día 29, no auditorio do propio centro. A cita será ás 12:00 horas e, debido á situaciónn sanitaria, a asistencia está restrinxida aos familiares
Na primeira parte do concerto, os rapaces, todos eles con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, interpretarán obras individuais para o seu instrumento, acompañados pola pianista Haruna Takebe. Tocarán pezas de diferentes épocas e estilos, entre elas composicións de Papini, Küchler, Trott, Bréval, Marcello, Gabrielli, Bach, Accolay, Potstock e Bruch.
Na segunda parte do acto, os xoves músicos integrarán unha orquestra de cámara. Xuntos achegarán ao público tres obras: Riverside, Stamping dance e Italian Suite. Levará a batuta a profesora Nazaret Canosa.
A través desta iniciativa os alumnos terán a oportunidade de demostrar o que aprenderon ao longo do curso, apoiados polos seus profesores, na súa maioría músicos da Real Filharmonía de Galicia.