Demandan un sistema que evite as esperas e aglomeracións na recollida de entradas para actos organizados polo Concello
Ante as queixas dos asistentes aos eventos, os Populares consideran que a capital de Galicia debe contar xa cun modelo de reparto de entradas que facilite a súa distribución por vía telemática e minimice as incomodidades para os casos de recollida presencial, ben sexa a través de citas previas, a diversificación de lugares de recollida ou outras fórmulas que se poidan adoptar
O Grupo Municipal Popular, a través do concelleiro Evaristo Ben, pediralle ao Goberno local que articule un sistema que evite as esperas e aglomeracións que se producen na recollida de entradas nos distintos actos que organiza o Concello. Ante as queixas dos asistentes aos eventos, os Populares presentarán un rogo o vindeiro Pleno, posto que consideran que un Concello como o da capital de Galicia debería contar xa cun modelo de reparto de entradas que facilite a súa distribución por vía telemática e minimice as esperas, aglomeracións e incomodidades para os casos de recollida presencial, ben sexa a través de citas previas, a diversificación de lugares de recollida ou calquera outra fórmula que se poidan adoptar.
Para Evaristo Ben, resulta evidente que é preciso buscar un modelo alternativo a esta exclusiva presencialidade, incomprensible en tempos de pandemia e con longas ringleiras de persoas obrigadas a unha espera por motivos lúdicos, cando os servizos básicos municipais esixen cita previa para evitar aglomeracións.
Os Populares insisten en que hai outras alternativas que é preciso explorar e algunhas xa foron postas en práctica noutras ocasións con mellores resultados, polo que se podería combinar fórmulas mixtas con entradas dixitais a través da web (evitando no posible o papel) e repartos presenciais, neste caso con citas previas por franxas horarias e con antelación suficiente para poder ofrecer as entradas non recollidas a terceiros.
“É evidente que é necesaria calquera fórmula que impida repetir as incomodidades, os perigos sanitarios e a ineficacia dun sistema que se ten mostrado inadecuado, ao tempo que se procure evitar as localidades baleiras, como aconteceu en varias ocasións”, subliñou Evaristo Ben.
Antecedentes
Para os concertos organizados polo Concello a celebrar nas pasadas festas da Ascensión no despacho do Teatro Principal da rúa Nova, foron moitas as queixas que se produciron como consecuencia do reparto de entradas. Protestas que se divulgaron por moitos medios e que chegaron tamén ao rexistro municipal, que dan conta de esperas de ata 4 horas, de persoas que, malia o tempo transcorrido, quedaron sen entradas polo cumprimento estrito de horarios e a insuficiencia nos puntos de recollida de persoal ou quen non podía desprazarse para a retirada por cuestións laborais.