O TSXG avala de novo as medidas "temporais" da Xunta ata o 29
Entende que a incidencia do virus determina “a súa identificación como perigo grave para a saúde pública”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou as medidas preventivas para facer fronte á COVID-19 prorrogadas pola Xunta o pasado 21 de maio, as cales estarán vixentes desde hoxe e ata o vindeiro sábado, 29 de maio, ás 00.00 horas. Por tanto, o alto tribunal galego avala a prohibición de reunións entre non conviventes entre a unha e as seis da madrugada en toda a comunidade autónoma, así como as limitacións dos encontros a un máximo de catro persoas en espazos interiores e de seis en exteriores, tanto no ámbito público como no privado, salvo que se trate de conviventes.
Os maxistrados destacan no auto, notificado hoxe, que a temporalidade das medidas xustifica que sexan “proporcionadas e necesarias”, de acordo cos datos epidemiolóxicos de cada momento. A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo considera que o “relevante risco” que existe na comunidade xustifica a adopción de medidas que poidan “reputarse idóneas para conter a transmisión do virus”. Así, indica que, segundo os datos achegados polo Goberno galego, “non se está alcanzando a redución da incidencia a 14 días desexable, que sería por baixo dos 50 casos por 100.000 habitantes, e a velocidade é lenta, polo que, de relaxarse as restricións, podería volver aumentar a incidencia do virus”.
A incidencia da COVID-19 na comunidade nos últimos 14 días determina “a súa identificación como perigo grave para a saúde pública”, segundo os xuíces. Así, sinalan que, segundo os datos da Xunta, a media de pacientes en hospitalización de agudos nos últimos sete días foi de 120,4, o que leva consigo unha taxa de 4,5 ingresados por cada 100.000 habitantes. O TSXG destaca que nos informes e estudos presentados pola Administración autonómica “se ofrecen cifras concretas contextualizadas sobre a evolución da pandemia e a incidencia nela das medidas propostas”.
Limitación nas reunións
Os maxistrados consideran “constatada” a eficacia da limitación do número de persoas non conviventes nas reunións, sobre todo en interiores. Así, explican que, tanto o informe sobre a evolución da pandemia achegado pola Xunta como diversos estudos científicos e os datos do Estado sobre ámbitos de contaxios proban que a redución dos contactos sociais no interior de establecementos “ten a capacidade de diminuír a velocidade de transmisión”.
“Estas evidencias avalan por si soas a limitación de agrupación de persoas, tanto en interiores como no exterior, mentres se manteña a situación de risco, na medida en que os espazos de reunión informal, nomeadamente no sector da hostalería, implican prácticas necesariamente de alto risco, isto é, requiren a retirada da máscara”. Por iso, o tribunal subliña que se se retira a barreira física “máis eficaz de transmisión do virus polo ambiente”, a única contramedida “verosímil” de redución do risco é “a limitación da concorrencia de persoas”. A Sala entende “que o sacrificio imposto ao dereito de reunión resulta xustificado en prol da protección da saúde e da integridade física”.
Máxima incidencia
O TSXG tamén avala o peche perimetral e as limitacións á mobilidade nocturna durante as 23.00 e as 6.00 horas e ás agrupacións de persoas impostas ao concello de Lobios por atoparse nunha situación epidemiolóxica de maior gravidade que o resto dos municipios de Galicia. Os xuíces indican que os datos de Galicia sobre a evolución da pandemia “mostran o efecto das medidas na curva epidemiolóxica, comprobándose unha relación causal entre as datas de establecemento de restricións e o comportamento posterior da curva, en sentido descendente”. Sobre o peche perimetral de Lobios, salientan que a normativa, ademais, “establece supostos excepcionais de mobilidade que constitúen un contrapeso á limitación xeral do dereito e que posibilitan no caso concreto a ponderación de bens xurídicos en conflito, polo que non se produce un sacrificio absoluto aos dereitos restrinxidos”. Ademais, subliñan que “as circunstancias singulares de tránsito” neste concello “revelan a medida especialmente eficaz para conter a transmisión do virus”.
“Para a Sala resulta acreditado que a adopción combinada das medidas de restrición de mobilidade nocturna, a limitación á reunión a determinado número de persoas e mais a contención da poboación mediante o peche perimetral revélanse sumamente eficaces para alcanzar o resultado proposto de preservación da saúde da poboación, limitando os contaxios internamente, nos espazos afectados, neste caso no concello, e, asemade, preservando o resto do territorio da exposición ao contacto con cidadáns con máis alto risco de contaxio”, recalcan os maxistrados no auto, contra o que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.