Piden aclaracións sobre o proceso de selección do director da Banda de Música municipal
A concelleira María Antón faise eco da inquedanza e a desconfianza patente entre as persoas interesadas
O Grupo Municipal Popular, por medio da concelleira María Antón, ten rexistrado unha pregunta dirixida ao Goberno local na que se interesa polas circunstancias nas que se está a desenvolver o proceso de selección do novo director da Banda de Música, un posto que leva vacante desde hai cinco anos. A iniciativa pretende aclarar se o proceso se axusta aos criterios de transparencia, mérito, capacidade, e igualdade de oportunidades que se debe manter no acceso á función pública e se o Goberno pensa adoptar algunha medida para garantir a máxima corrección en todo este proceso.
Segundo se sinala na pregunta, despois de que o tribunal anunciara a celebración da segunda das probas de selección para os vindeiros 21 e 28 maio, aos Populares chegáronlle dúbidas de persoas interesadas no proceso sobre a transparencia e o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. Unhas dúbidas que teñen feito que o propio tribunal cualificador se vira obrigado hai máis dun mes -o pasado 9 de abril- a facer pública unha aclaración antes da celebración do segundo exercicio, despois dunha consulta dun dos candidatos.
A referida nota aclaratoria do tribunal lonxe de tranquilizar e contribuír a despexar incertezas ten incrementado a inquedanza e a desconfianza arredor deste proceso. Segundo as informacións recibidas desde o contorno da Banda de Música, sorprende que un dos candidatos participe como músico instrumentista nunha das probas á que se someten outros aspirantes e que a Banda prescinda dese instrumento para a proba na que participa como opositor o mesmo músico, co que variarían as condicións nun e noutro caso, algo que non parece nin xusto nin razoable.
A este respecto, María Antón sinala que “o lóxico sería que esa persoa non participara como instrumentista no proceso de selección ou que se contratara un músico alleo á formación, de ser o caso. Todo iso, claro está, sen que signifique ter que dilatar aínda máis a regularización deste posto clave.”
Para a concelleira Popular, “a participación dunha persoa nas dúas condicións sinaladas semella un despropósito e axuda a darlle pábulo ás sospeitas que expresan algunhas persoas interesadas neste proceso, lembrando o recente caso do acceso ao corpo de bombeiros que ocasionou a necesidade de repetir unha das probas.”
Non é esta a primeira vez que o Grupo Popular se interesa por este proceso selectivo: hai case un ano instaban ao Goberno a restablecer o proceso e a axilizar os trámites preceptivos; e hai dous meses realizaron unha pregunta sobre os motivos polos que se mantiña en suspenso este procedemento, téndose celebrado unicamente unha das tres probas previstas.