jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Compostela Aberta reclama que o edificio multiusos de Lavacolla manteña o uso compartido previsto entre o colexio e a veciñanza

Compostela Aberta reclama que o edificio multiusos de Lavacolla manteña o uso  compartido previsto entre o colexio e a veciñanza
Compostela Aberta reclama que o edificio multiusos de Lavacolla manteña o uso compartido previsto entre o colexio e a veciñanza

María Rozas lembra que o pavillón foi deseñado pensando nesa dobre utilización e existía acordo coa comunidade educativa e coas veciñas e veciños

Compostela Aberta reclamará no próximo Pleno que o edificio multiusos de Lavacolla construído ao carón do CEIP Rodríguez Xixirei manteña o uso previsto, compartido entre a comunidade educativa e a veciñanza. Será a través dunha moción na que María Rozas lembra que “o pavillón foi planificado e deseñado para ese uso compartido, porque así se acordara no pasado mandato municipal, consensuándoo previamente tanto co colexio como cos vecños e veciñas da parroquia”. A concelleira de CA explicou que as últimas declaracións do edil de Educación, Rubén Prol, sobre a cesión do edificio á Xunta “fan pensar na Lavacolla que a súa intención é que sexa para uso exclusivo da comunidade educativa, e por iso urximos unha aclaración das súas intencións”.

María Rozas explicou que o edil de Educación manifestou a comezos deste mes de maio, en declaracións a un medio de comunicación, que o pavillón podería empezar a utilizarse antes de que rematara o presente curso escolar, e sinalou que “a Xunta está disposta a aceptar o uso educativo do multiusos”. A concelleira de Compostela Aberta lembrou que no proxecto do edificio, aprobado en novembro de 2018, sinálase xa que “o novo edificio non só estará dedicado ás actividades propias dun pavillón ou patio cuberto do colexio, senón que tamén lle dará servizo á comunidade como espazo diáfano para actividades de difícil realización noutros equipamentos”. Para María Rozas, non hai ningunha xustificación para que se mude o previsto, “porque había acordo coa comunidade educativa e porque a veciñanza leva anos reclamando unha dotación coma a que se construíu nunha parcela municipal, e con fondos do POS da Deputación da Coruña”

Un despropósito máis no edificio da Lavacolla

A concelleira de Compostela Aberta lamentou que “Rubén Prol vaia de despropósito en despropósito en relación ao edificio multiusos de Lavacolla, porque este é o concelleiro que no Pleno do pasado decembro quixo culpar á Xunta do atraso na apertura do pavillón afirmando que o Concello estaba esperando por un informe de Patrimonio que en realidade o Goberno local aínda non solicitara”. María Rozas lembrou que o edificio, proxectado durante o pasado mandato, está rematado desde mediados de 2020, e case un ano despois segue sen poder utilizarse. Ademais, denunciou que Compostela Aberta rexistrou en febreiro unha solicitude de información en relación ao centro, que o Goberno local aínda non respondeu tres meses despois.

Por todo iso, Rozas levará ao Pleno unha moción na que pide que se manteña o compromiso municipal para que o edificio multiusos de Lavacolla teña uns usos compartidos entre a comunidade educativa do CEIP Rodríguez Xixirei e a veciñanza da parroquia, e que se regule ese uso compartido a través dun convenio entre o Concello e a Xunta. A maiores, tamén insta ás dúas administracións a habilitar un espacio de aparcadoiro contiguo ao pavillón, tal e como estaba previsto inicialmente durante o pasado mandato.

Comentarios
Lo más