jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Preocupación pola mobilidade na contorna da intermodal

Preocupación pola mobilidade na contorna da intermodal
Preocupación pola mobilidade na contorna da intermodal

  Para os Populares cabe preguntarse polas consecuencias para a contorna e pola capacidade de absorción de vehículos do paso subterráneo do Hórreo e, se esa capacidade, se pode ver superada en determinadas franxas horarias ao concentrar fluxos ata o de agora dispersos



O Grupo Popular mostra a súa preocupación polos problemas de tráfico que se poden xerar coa entrada en servizo da nova estación de autobuses a resultas dun mal deseño da rúa Clara Campoamor feito polo Goberno de Compostela Aberta e asumido polo Goberno de Sánchez Bugallo. Así o recoñeceu o portavoz deste grupo, Alejandro Sánchez-Brunete, nun percorrido realizado esta mañá pola contorna da intermodal, na compaña da concelleira, María Castelao, e de técnicos de enxeñería, para comprobar as condicións nas que se vai a iniciar o funcionamento da nova terminal de autobuses no relativo a ordenación do tráfico e mobilidade.

A este respecto, o Grupo Popular vai presentar unha iniciativa para coñecer as últimas previsións do Goberno municipal respecto da mobilidade na zona e que medidas pensa adoptar para evitar os atascos que se poidan producir a determinadas horas.

Os Populares pídenlle seriedade e rigor ao alcalde nas previsións sobre a mobilidade da zona, pois Sánchez Bugallo formulou prognósticos oscilantes: pasou de vaticinar un “colapso” en tempos de Compostela Aberta a proclamar un “estupendo” funcionamento da mobilidade no acto inaugural da vía, un optimismo sen fundamento que xa foi desmentido por un primeiro informe municipal, sen que se saiba de ningún outro documento que avale a eficacia para o tránsito que se vai xerar.

O Grupo Popular advirten que a conexión norte-sur de Santiago á altura da estación intermodal, ata o de agora, estase a resolver por tres vías: o vial Clara Campoamor; a rúa do Hórreo en superficie; e o túnel do Hórreo que lle dá continuidade á SC-20.

As limitacións e dificultades para o tráfico que se prevén, tanto para a rúa Clara Campoamor como para a rúa do Hórreo, van facer que esas tres opcións queden reducidas ao túnel da SC- 20, polo que cabe preguntarse polas consecuencias para a contorna e pola capacidade de absorción de vehículos dese paso subterráneo e sobre se esa capacidade se pode ver superada en determinadas franxas horarias ao concentrar fluxos ata o de agora dispersos, toda vez que esa infraestrutura conta cunhas medidas de seguridade e dunhas barreiras susceptibles de activarse cando o número de vehículos excede duns determinados niveis.

O Grupo Popular xa ten amosado, en varias ocasións, con varias preguntas formuladas no Pleno, a súa preocupación pola fluidez do tráfico na contorna da rúa de Clara Compoamor tal e como finalmente foi executada.

Para o portavoz municipal do grupo Popular, “Bugallo traspasou a liña continua da coherencia”, toda vez que pasou de cualificar de disparate, de hipoteca e de motivo de “caos” o deseño do vial feito por Compostela Aberta a asumir e defender esa hipoteca do Goberno anterior. Brunete pregúntase agora se, no caso de producirse atascos como consecuencia dese deseño finalmente compartido, o alcalde Bugallo dará explicacións nunha rolda de prensa conxunta cos responsables de Compostela Aberta.

Comentarios
Lo más