jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Santiago aposta en Fitur polo turista 3.0 cunhas innovadoras videoguías

Santiago aposta en Fitur polo turista 3.0 cunhas innovadoras videoguías
Santiago aposta en Fitur polo turista 3.0 cunhas innovadoras videoguías

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentaron en Fitur as novas videoguías de Turismo de Santiago para promocionar a cidade entre o novo tipo de turista xerado pola Covid-19. Trátase dun turista 3.0, caracterizado por un uso intensivo de Internet e redes sociais, que empregan en todo o proceso dunha viaxe, dende a selección do destino ata a súa valoración unha vez rematado, compartindo a súa opinión na rede.

A presentación titulouse "Santiago, ao outro lado do espello", coa idea de amosar a cidade como un destino amplo e diverso, cunha gran oferta de recursos turísticos que van moito máis alá da Catedral e as súas prazas e rúas próximas. O obxectivo é amosar á cidade que está "máis alá do espello", unha cidade verde, de cultura e patrimonio, festiva, creativa, cunha gran gastronomía e con mil motivos máis para alongar a estadía e descubrila na súa plenitude.


En total elaboráronse 26 vídeoguías de distintos monumentos, parques e espazos de Santiago. As 26 videoguías suman arredor de dúas horas de imaxes da cidade, rodadas por un director de cine profesional que coñece a fondo Santiago, Fernando Cortizo. Cada videoguía inclúe entradas e ilustracións especiais, que fan máis atractivo o seu visionado, pensando no turista que emprega Internet de xeito intensivo para elexir o seu destino e decidir que visitar e canto tempo pasar en cada lugar.

Para promocionar as videoguías, Fernado Cortizo elaborou un innovador vídeo, moi compostelán, feito a base de ilustracións, con constantes referencias á historia da cidade e detalles ocultos que animan a velo unha e outra vez para descubrilos. No vídeo aparecen Rosalía de Castro, Castelao, Valle-Inclán, as Dúas Marías e múltiples personaxes que forman parte da esencia de Santiago. Pode verse en Youtube

As videoguías están dispoñibles en sete idiomas (galego, castelán, inglés, francés, portugués, italiano e alemán) para dirixirse aos principais mercados emisores da cidade. Ademais, elaborouse tamén unha versión en Linguaxe de signos española para fomentar a accesibilidade. Están dispoñibles na páxina web de Turismo de Santiago.

Esta presentación é unha das principais accións de Turismo de Santiago en Fitur, onde se empregará por primeira vez o novo logo para promocionar o Ano Santo Compostelán 2021-2022. Segundo explicou o concelleiro Sindo Guinarte na súa presentación "o logo ten por obxectivo promocionar este evento excepcional que supón unha gran oportunidade para a cidade. Está pensado para reforzar o posicionamento de Compostela como centro e esencia do evento". O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, amosouse convencido de que "o 2022 colmará as expectativas que tiñamos para 2021" e fixo fincapé en que desde hoxe "comezamos a ver luz despois do túnel", como demostra a celebración de Fitur.

Cidades Patrimonio
O alcalde participará mañá en dúas presentacións do Plan Conxunto de Accións para 2021 do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, a primeira no Stand de Turepaña coa participación do Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, e a segunda no Stand de Paradores de Turismo de España coa presenza do presidente da cadea, Óscar López.

O Grupo de Cidades Patrimonio, no que Santiago participa activamente, elaborou un documento de "Estratexias para a reactivación do turismo cultural e patrimonial no escenario Post Covid-19". O obxectivo é que as Cidades Patrimonio da Humanidade de España sexan o grupo coa oferta cultural e experiencial máis ampla do mercado, fomentado a innovación e evolucionar o seu posicionamento cara á sostibilidade.

Segundo as enquisas feitas, o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade conta cunha marca sólida e de gran reputación, aínda que debe ser capaz de aumentar a súa notoriedade para os viaxeiros en tempos de post pandemia, posicionando as 15 cidades do grupo como destinos idóneos para cando chegue ao oportunidade de volver a facer turismo.

Neste aspecto, destaca o posicionamento de Santiago de Compostela, que é a cidade do Grupo de Cidades Patrimonio cunha maior notoriedade suxerida, cun 95,4%. É dicir, cando se lle pregunta aos viaxeiros se Santiago pertence ao grupo, a práctica totalidade deles contesta afirmativamente

Rede de Destinos Intelixentes
A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, tamén participou na mesa redonda Fitur Know-How & Export, organizada pola Rede de Destinos Intelixentes. Dende a Rede solicitouse á entidade municipal que compartise as principais liñas dos proxectos europeos Bodah e Smartiago.

Bodah é un proxecto liderado por Turismo de Santiago no que participan entidades de España, Portugal, Francia, Irlanda, Escocia e Gales. Este proxecto ten por obxectivo o control de fluxos turísticos mediante o uso de Big Data. Santiago é un dos destinos piloto nos que se analizarán un amplo listado de indicadores que servirán de base para a xestión dos fluxos en cidades patrimoniais europeas.

Pola súa banda, o Smartiago é un proxecto que se desenvolve dende o Concello de Santiago. Inclúe a instalación de doce dispositivos para o control da movilidade peonil nos principais puntos do Casco Histórico que proporcionarán información moi valiosa para a xestión dos fluxos turísticos. Os dispositivos poderán distinguir aos peregrinos e así poderá coñecerse con precisión e as rutas que siguen. 

Comentarios
Lo más