200 corredores participaron na VII carreira 'Camiño das letras' en Santiago
Desde o Pico Sacro á Cidade da Cultura
A directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez entregou hoxe os recoñecementos aos participantes na VII edición da Carreira Camiño das Letras, que une a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras Galegas e co simbolismo do Camiño de Santiago, contribuíndo así a pór en valor a través do deporte o patrimonio cultural galego. Nas distintas categorías da proba participaron un total de 200 corredores, límite marcado nesta edición por parte da organización ante a situación sanitaria actual.
Promovida por Xurdir S.L. co apoio da Xunta de Galicia, a carreira partiu do Pico Sacro, no concello de Boqueixón, seguindo un percorrido de 15 quilómetros a través da Vía da Prata, ata a súa meta na Cidade da Cultura, onde tivo lugar a entrega de premios –consistentes nun trofeo conmemorativo e un lote de libros–. Este evento inclúese no amplo programa de actividades que o Goberno galego organizou este ano arredor do 17 de maio, con Xela Arias como referente.