jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Último día para enviar obras ao XIV Premio Internacional "Compostela" de Albums Ilustrados

Último día para enviar obras ao XIV Premio Internacional "Compostela" de Albums Ilustrados
Último día para enviar obras ao XIV Premio Internacional "Compostela" de Albums Ilustrados

O prazo para presentar orixinais ao Premio Internacional "Compostela" de Álbums Ilustrados, organizado polo Departamento de Educación do concello de Santiago de Compostela e por Kalandraka, remata este venres, 14 de maio.

Ao XIV Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.


Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, català, euskara e portugués— en novembro de 2021. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no XIV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse nas páxinas web de Kalandraka e do Concello de Santiago, así como ao pé desta noticia.

Obras premiadas en anteriores edicións
A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca». Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Simón. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum «O can de Milu». Na pasada edición resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880».

Na súa traxectoria, o certame suma cerca de 3.500 obras presentadas dende numerosos países. Ademais, algúns dos libros dintinguidos co Premio Compostela teñen colleitado outros recoñecementos de ámbito estatal e internacional, figurando nos Premios Nacionais de Edición, na Lista de Honra IBBY, na selección The White Ravens e no Premio Cuatrogatos. 

Comentarios
Lo más