Nova ronda de concertos gratuítos no Paraninfo da USC
Debido á situación sanitaria, os interesados en asistir a estes concertos deberán reservar praza enviando un correo electrónico a area.cultura@usc.es
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. A vindeira semana celebraranse dous concertos no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia, o luns 10 e o mércores 12, os dous ás 20.30 horas.
Estas actuacións son gratuítas pero, debido á situación sanitaria provocada pola COVID-19, as persoas interesadas en asistir deberán reservar praza (máximo dúas por persoa), enviando un correo electrónico a area.cultura@usc.es (indicando o seu nome, apelidos e teléfono), ata o día do concerto ás 12:00 horas.
O luns, obras de Ravel e Nielsen
No marco deste programa, o luns os rapaces da EAEM ofrecerán a obra Ma mère l´oye do compositor francés Maurice Ravel e o Quinteto de vento de Carl Nielsen. Participarán o frautista Henrique Medeiros, o oboísta Luca Tognon, o clarinetista Bernardino Assunçao, o fagotista Daniel Solís e o trompista Miguel Linares. O concerto terá unha duración estimada de 45 minutos.
O mércores, obras de Brahms, Bach, Böhme, Poulenc e Pergolesi
O mércores o público poderá gozar co Quinteto para clarinete e cuarteto de corda de Johannes Brahms; cos violinistas Clara Pedregosa e Christian Casanova, Vicent Máñez á viola, Clara Martínez ao violoncello e Bernardino Assunçao ao clarinete.
A velada continuará coa Fuga nº 2 para o clave ben temperado de Johann Sebastian Bach, o Preludio e fuga nº 1 de Oskar Böhme, Sonata para trompa, trompeta e trombón de Francis Poulenc e concluirá coa Sonata en trío nº 4 de Pergolessi. Estas obras serán interpretadas polo trompista Miguel Linares, o trompetista Pedro Cases e o trombón Jon Etterbeek. A duración do concerto será duns 70 minutos.