A área de Santiago sumouse á campaña da OMS sobre a importancia da hixiene de mans
Nos centros da área compostelá realízaronse este mércores actividades dirixidas tanto a profesionais como a doentes e coidadores, nenos e adultos
A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza celebrou este mércores o “Día Mundial da Hixiene de Mans”, que este ano adquire maior relevancia por mor da pandemia e que ten por lema “segundos que salvan vidas, limpa as túas mans. O uso de luvas non é hixiene de mans”. A hixiene de mans continúa sendo a medida principal para previr as infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria (IRAS) e a proliferación de resistencias antimicrobianas.
E faino con múltiples actividades nos seus centros. Así, ao longo da mañá, instaláronse mesas informativas sobre o correcto procedemento para a hixiene de mans na entrada principal do Hospital Clínico, do Hospital de Conxo e no Hospital da Barbanza dirixida a informar a toda a poboación que se achegue ata estes centros hospitalarios. Neses puntos ofréceselle ás personas que o desexen, por parte do persoal das mesas, a posibilidade de cotexar o resultado da súa práctica de HM mediante unha lámpada UVA de demostración, comparando o antes e o despois da HM. Tamén disporán de folletos, debuxos, petacas de solución alcohólica e outros artigos de promoción da Hixiene de Mans.
Durante toda esta semana, ademáis, proxectarase nas pantallas dos ordenadores dos profesionais e nas das salas de espera de pacientes, videos con contidos formativos sobre Hixiene de Mans.
Nas unidades de enfermería e salas de espera das plantas de hospitalización tamén se están levando a cabo ao longo de toda a semana e respectando os aforos e demais medidas derivadas da pandemia covid, sesións informativas e de recordatorio dirixidas a profesionais sobre o lavado de mans e o uso de luvas nas unidades.
Asemade, organizáronse actividades para aos máis cativos. Nas escolas Infantís para fillos de profesionais, situadas no Hospital Gil Casares e no Hospital da Barbanza realizáronse traballos manuais e lavados de mans, así como unha representación musical para ensinar aos máis pequenos. Na Aula de pediatría para nenos hospitalizados levouse a cabo un concurso de relatos e debuxos así como unha demostración do correcto lavado de mans.
A xerente de Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, a xefa do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da xerencia, Cristina Fernández, a subdirectora de Calidade, Beatriz Pais, acompañadas polas supervisores de Medicina Preventiva, Alejandro Monasterio e de Calidade, Sandra Sixto, e por outras profesionais da enfermería, visitaron a mesa informativa situada ao longo da mañá no Hospital Clínico.