Preguntan polo cese das limitacións para asistencia de espectadores a actos deportivos de base
A iniciativa vén motivada polas continuas queixas recibidas, especialmente, por pais e nais de xoves deportistas que non poden acceder ao interior dos recintos de titularidade municipal
O Grupo Municipal Popular acaba de rexistrar unha pregunta ao Goberno local na que se interesa polas previsións para o cese das limitacións impostas nas instalacións deportivas municipais que impiden a asistencia de espectadores aos campos de fútbol e pavillóns. A pregunta vén motivada polas continuas queixas recibidas, especialmente, por pais e nais de xoves deportistas que non poden acceder ao interior dos recintos de titularidade municipal. Unha actitude que contrasta co que acontece noutros concellos onde non existen estas restricións non contempladas na normativa de aplicación para o conxunto de Galicia.
Tal e como se recolle na pregunta que asina o concelleiro Evaristo Ben, “aínda entendendo que nunha situación de alto nivel de propagación epidemiolóxica se considere a necesidade de extremar as precaucións e os protocolos no conxunto das instalacións, onde se celebran varios partidos en cada xornada, unha mellora da situación sanitaria tamén debería facer reconsiderar estas medidas restritivas para que, antes de que remate o período de competicións, se poida permitir o acceso adoptando as condicións que son comúns ao resto dos campos e pavillóns de Galicia”.
Por este motivo, o Grupo Popular interésase pola previsións do Goberno para permitir a asistencia de espectadores ás competicións deportivas, seguindo as determinacións normativas e coas medidas preventivas que sexan de aplicación.