jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Comezan as obras de construción da nova EDAR de Sergude

Comezan as obras de construción da nova EDAR de Sergude
Comezan as obras de construción da nova EDAR de Sergude

O proxecto conta cun investimento próximo aos 1,7 millóns de euros

Os traballos para a construción da nova Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Sergude xa están en marcha. A empresa adxudicataria do proxecto, Vázquez y Reino, SL, iniciou os traballos de movemento de terras para a habilitación da futura infraestrutura.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitou esta semana a zona para coñecer in situ a evolución das obras. O rexedor celebra a posta en marcha dos traballos: “con esta nova EDAR poderemos dar servizo para ata 3.000 habitantes, o que suporá triplicar a actual capacidade da depuradora de Sergude”. Os traballos teñen un prazo de execución de 12 meses.

O Concello de Boqueixón aporta 360.000 dos case 1,7 millóns de euros de investimento total previsto para esta infraestrutura. O proxecto é posible grazas a un convenio de colaboración entre o organismo autonómico Augas de Galicia e o Concello de Boqueixón. A administración local tamén cedeu os terreos necesarios para a habilitación da infraestrutura, xusto a carón da actual EDAR.

Ademais, a actuación conta tamén co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014-2020.

Capacidade media de 44 m 3 /hora

A futura depuradora mellorará as infraestruturas de saneamento dos núcleos de Sergude e Lestedo, unificando, deste xeito, o tratamento das súas augas. Tamén dará servizo ao polígono industrial de Sergude.

A nova infraestrutura contará cunha primeira estrutura de pretratamento da auga, separando en tres contedores diferentes os residuos sólidos, as graxas e as areas. Tras este proceso sitúase o tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora, inda que tamén pode tratar pico de ata 81 metros cúbicos. En caso de chuvias torrenciais que superen este caudal, o exceso enviarase a un depósito de retención ou tanque de tormentas.

O tratamento biolóxico estará conformado por un sistema de lodos activados por aireación prolongada en baixa carga, que contarán con dous axitadores para a produción de osíxeno. O seguinte proceso será o da decantación secundaria, integrada por dúas liñas, onde os lodos separaranse por gravidade a un pozo de bombea para a súa posterior deshidratación.

Comentarios
Lo más