miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Piden un plan de mellora urxente para a Alameda

Piden un plan de mellora urxente para a Alameda
Piden un plan de mellora urxente para a Alameda

O Grupo Popular pide ao Goberno local que leve a cabo actuacións de urxencia na Alameda e que elabore un Plan Director para o seu coidado e o seu mantemento no futuro

A vicevoceira Popular, María Castelao, levará ao vindeiro Pleno ordinario unha proposición na que lle solicita ao Goberno local que realice, coa maior celeridade posible, as actuacións que sexan necesarias para a posta en valor e mellora da Alameda, un dos espazos verdes máis significativos da nosa cidade. Así mesmo, os Populares reclaman que se redacte e aprobe un Plan Director específico para ordenar os seus usos e garantir unha correcta restauración e mantemento de cara ao futuro deste recinto.

Este espazo vén sufrindo unha situación de precariedade que se percibe no seu coidado e mantemento desde hai anos, todo isto sen meterse no relativo aos coidados dos xardíns e zonas verdes, onde o continuado labor desenvolvido, contribúe a soster, en liñas xerais, a imaxe de calidade ambiental que cabería esperar para o resto do recinto.

Tal como explica María Castelao, as deficiencias que se poden observar son numerosas, empezando pola base, onde as frecuentes irregularidades nas zonas de paseo comprometen o nivel de accesibilidade necesario, algo que se evidencia especialmente no paseo central, na subida a Santa Susana e nos arredores da cafetería, todas elas zonas de gran tránsito.

Mentres algunhas actuacións levadas a cabo recentemente incidiron máis no aspecto ornamental e decorativo (reposición de surtidores nas fontes, rehabilitación e colocación de novas esculturas...), o Grupo de Goberno continúa sen resolver problemas funcionais e estruturais, con tarefas de mantemento pendentes moi evidentes: reposición de cerramentos; pintado de ferraxes dos bancos, varandas e farolas; afirmado de reixas de sumidoiros (especialmente no acceso á cafetería); limpeza de canles de drenaxe; adaptación das tomas eléctricas para actividades festivas; maleza no teito do palco da música; árbores caídas; tubaxes de rega á vista; aseos en mal estado (mentres agardan a reforma anunciada e a posta en marcha do aseo accesible situado no abandonado quiosco); ausencia de separación da zona de cans ceibos coa terraza hostaleira … ou a endémica sensación de abandono do recinto de Santa Susana no que seguen a campar as pintadas na porta principal da igrexa e os estragos no seu arredor, por citar algunhas das eivas apreciables.

Xardín Histórico

Como lembra o Grupo Popular, a Alameda é historicamente o emblema da riqueza ambiental do Concello de Santiago, tanto pola súa antigüidade -que se remonta ao século XVI- como pola súa gran extensión, que se estima nunhas 8,5 hectáreas. A súa situación central no entramado urbano fai que tradicionalmente sexa lugar axeitado para o paseo, o lecer e mesmo a práctica deportiva, así como lugar para a celebración de distintos actos lúdicos e culturais ao longo do ano.

Así mesmo, María Castelao remarca que este recinto está catalogado como Xardín Histórico, polo que. segundo a Lei do Patrimonio Histórico español. debe contar con figuras de protección específicas e, a maiores, súmase o Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, ámbito no que se inclúe este parque, polo que resulta imprescindible a elaboración dun Plan Director que actúe como instrumento de control que determine as pautas a seguir para a súa restauración e mantemento futuro. Nese documento deberá establecerse o programa de uso e condicións de adecuación do xardín, dentro das determinacións da normativa urbanística, fixando os criterios de restauración, rehabilitación e valoración.

Para levar a cabo este preceptivo Plan Director incluíuse unha partida de 50.000 euros no orzamento do Consorcio da Cidade de Santiago do ano 2017, coa intención de contratar o apoio de expertos na xestión de augas de escorrentía, implantación de especies de interese ecolóxico, avaliación de impactos por usos alleo e técnicas de restauración de xardíns histórico, aínda que o documento sería redactado polos arquitectos do Consorcio en colaboración cos técnicos municipais. Na propia memoria daquel orzamento sinalábase que o Concello debería elaborar a planimetría do conxunto, incluídas as súas infraestruturas, o informe histórico e arqueolóxico, o estudo da xestión dos residuos xerados e os usos permitidos nesa ámbito. Pasados case catro anos daquela previsión, do Plan Director nada se sabe.

Comentarios
Lo más