Piden a reapertura da Casa das Mulleres Xohana Torres
Marta Lois lamenta que o Concello “non permita o funcionamento do espazo, coas limitacións e medidas de seguridade que rexen noutras actividades culturais e sociais que se foron retomando”
Compostela Aberta preguntará no Pleno da próxima semana polo uso da Casa das Mulleres Xohana Torres, que leva cerrada máis dun ano. Para a portavoz de CA, Marta Lois, “a situación de pandemia non xustifica a día de hoxe este peche, porque a actividade cultural e social, e mesmo a hostalería, véñense recuperando con aforos limitados e medidas de seguridade que tamén se poderían aplicar na Casa das Mulleres”.
A portavoz municipal de Compostela Aberta lamentou que o Goberno non permita o uso da Casa das Mulleres aos colectivos feministas, “nin para actividades públicas nin para as súas reunións internas”. Marta Lois lembrou que ese espazo “contaba coa cobertura dun servizo regular de limpeza, que podería garantir as medidas de desinfección sanitaria requiridas nos protocolos relacionados coa Covid-19, e as actividades públicas poderían celebrarse coas mesmas limitacións e requisitos que rexen nos espazos que se foron reabrindo paulatinamente”.
Por iso, Compostela Aberta preguntará no Pleno cando se vai retomar a actividade na Casa das Mulleres. Marta Lois lembra que só así se lle dará cumprimento á proposición aprobada pola Corporación en decembro de 2019, na que se reclamaba continuar coa construción da ‘Compostela Territorio das Mulleres’ e que facía referencia á necesidade de consolidar o modelo de coxestión da Casa Xohana Torres, activando o seu funcionamento cultural e social. Máis recentemente, en febreiro deste ano, CA xa solicitara nunha moción a abertura da Casa das Mulleres con programación regular cando a situación da pandemia o permitira.