miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Oroso avanza nos traballos de recuperación da antiga mina de ouro das Grobias

Oroso avanza nos traballos de recuperación da antiga mina de ouro das Grobias
Oroso avanza nos traballos de recuperación da antiga mina de ouro das Grobias

O Concello de Oroso avanza desde hai semanas nas tarefas de recuperación e posta en valor dos terreos da antiga mina das Grobias en Porto Avieira.

En coordinación coa Xunta de Galicia e baixo a supervisión dun equipo de arqueoloxía, o Concello de Oroso realiza traballos de limpeza nos terreos, co obxectivo utilizalos como zona de paseo e disfrute por parte dos veciños e veciñas.

“Entre os anos 2003 e 2005 tomei a iniciativa de facer o primeiro PXOM de Galicia adaptado á nova Lei do Chan, e foi aí cando descubrimos As Grobias e a posible mina de ouro da época romana”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Mirás e o concelleiro de Promoción Económica e Deportes, Antonio Leira, visitaron hoxe a zona, destacando a importancia de engadir a antiga mina ao patrimonio natural do concello.

“Conectará coas sendas peonís, un paso máis na nosa aposta pola natureza e a sustentabilidade”, afirma Leira. A intención do concello, unha vez rematen os traballos, é instalar ademais un panel informativo na zona para explicar a orixe da mina das Grobias.

Desde hai anos, O Concello de Oroso ten entre as súas prioridades de goberno a posta en valor e o aproveitamento dos seus recursos naturais por parte dos veciños e veciñas, potenciando os hábitos de vida saudables, o deporte e o lecer ao aire libre.

Dentro desa aposta e na mesma zona de Porto Avieira, os orzamentos municipais do ano 2021 inclúen a posta en marcha dun novo circuíto de lecer e multideporte, ao redor do campo de hípica e de béisbol, no que se poderán practicar varias modalidades deportivas andando, correndo, en bicicleta ou patinete.

O proxecto para a zona inclúe unha área canina, no que os cans poderán realizar tamén diferentes exercicios.


Comentarios
Lo más