O PP califica de “técnica de repetición ou moviola” a política de reparto dos remanentes do Goberno de Sánchez Bugallo
O vicevoceiro Populares subliñou que o Goberno local “mete nos remanentes o mesmo que o ano pasado, obras que xa estaban en remanentes anteriores, non se fixeron e volven a estar este ano no mesmo sitio”, sen a seguridade de que se poidan executar neste exercicio
O vicevoceiro do Grupo Municipal Popular Ramón Quiroga, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que denunciou a política económica que está a levar a cabo o Goberno de Sánchez Bugallo, sobre todo, no referido aos remanentes, á que calificou de “técnica de repetición ou moviola”, posto que “mete o mesmo que o ano pasado, obras que xa estaban en remanentes anteriores, non se fixeron e volven a estar este ano no mesmo sitio”, sen a seguridade de que se poidan executar neste exercicio.
Por outra banda, remarcou que “non hai ningún problema de cartos, por canto o Goberno de Sánchez Bugallo leva acumulados 40 millóns de euros de superávits e rematou o ano con 43 millóns de euros nos bancos, o que lle supón un beneficio de 9 millóns para destinar aos remanentes”.
Quiroga Limia definiu este modo de actuar “como un exemplo de falta de transparencia, descontrol e confusionismo absoluto”. Para o Popular, o manexo dos remanentes, por parte de Sánchez Bugallo, “só xera confusión, desconcerto, falta planificación e de responsabilidade, o que está a xerar inseguridade nos sectores con máis problemas e só busca vender os mesmos remanentes varias veces”.
Maila dispoñer de recursos, o Goberno de Sánchez Bugallo non está a facer os investimentos necesarios na cidade e non está axudando, coa capacidade existente, aos sectores máis prexudicados pola Covid 19 e tampouco está a renovar servicios tan importantes e necesarios como o transporte ou o lixo, polo que esta situación se traduce nunha baixada na calidade devida da veciñanza e reflicte un total “descontrol na planificación dunha cidade como Santiago, onde se aproban orzamentos que contemplan gasto improdutivo, como estudos, propaganda etc..”.
Desde o principio. o Grupo Municipal Popular apostou por outorgar axudas directas aos sectores máis prexudicados, pero coas contas de Bugallo vese difícil que se poida facer unha segunda quenda de axudas no segundo semestre deste ano, pero o que non flaquea nas mans do alcalde santiagués é a política recadatoria, coa proliferación de radares, zonas ORA ou multamóbiles.
O vicevoceiro Popular insistiu ademais en que outra das características da política económica do actual Goberno local é a falla de transparencia, xa que tan só entregou aos Grupos da oposición un informe resumo, sen o resto da documentación do expediente.
Na súa intervención, Ramón Quiroga subliñou tamén que o Goberno local acumula case 40 millóns de euros en superávit no que leva de mandato e a media dos depósitos bancarios que ten o Concello supera os 41 millóns anuais, algo que “non serve nin para pagar en tempo e hora a empresas e autónomos”. Ademais, destacou que o Goberno de Sánchez Bugallo recadou o pasado ano un 90 por cento nos impostos máis importantes que son os directos, como o IBI, o de vehículos, as plusvalías e a IAE.
Finalmente, Quiroga lembrou que o Goberno local rematou o exercicio económico con máis de 9 millóns de euros de beneficio, polo que este resultado o coloca “como unha das empresas máis rendibles da cidade, sostida, claro está, cos impostos de todos”.