Homenaxe en Compostela a Domingo de Andrade, “formulador da imaxe de Santiago”
Unha placa, a carón da súa tumba, recoñece no Día das Artes Galegas o labor do arquitecto
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) presidiu onte un acto institucional en lembranza do arquitecto Domingo de Andrade, persoeiro homenaxeado en 2020 e 2021 no Día das Artes Galegas. O evento celebrouse na Capela da Concepción da Catedral de Santiago, lugar onde está soterrado Andrade, e na nave de Azabachería coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo.
Os asistentes enxalzaron o esplendor da obra de Andrade como “formulador da imaxe de Santiago na contorna da Catedral”, recoñecemento simbólico do que a Real Academia Galega de Belas Artes, en colaboración coa Fundación Catedral, quixo deixar constancia co descubrimento dunha placa conmemorativa a carón da súa tumba. Tamén asistiron ao evento membros da Xunta de Goberno da Academia e diversos académicos, así como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Blanco; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela Louzán; e o arquitecto do Plan Director da Catedral de Santiago, Javier Alonso de la Peña.
Manuel Quintana Martelo salientou a importancia da figura de Domingo de Andrade nos ámbitos internacional e galego do Barroco, e indicou que esta lembranza, ao igual que un acto solemne con público previsto para máis adiante, ten como obxecto o estudo, difusión e posta en valor dos seus edificios e a calidade da súa obra como arquitecto e retablista, “un ceense de proxección universal que levantou obras tan monumentais como a Torre do Reloxo de Santiago”.
O presidente da RAGB subliñou que, a partir de 1676, na obra da coñecida popularmente como Torre da Berenguela –unha construción de empeño colectivo do Cabido e dos santiagueses– Andrade contaba con 37 anos e o seu recente estreo na condición de mestre de obras da Catedral de Santiago, categoría máxima á que un arquitecto podería aspirar na Galicia daqueles tempos.
“O arquitecto do Barroco galego incorpora a construción da cidade como a gran protagonista da súa arquitectura, como se aprecia nun percorrido detido pola Praza da Quintana para ver a Torre do Reloxo, o Pórtico Real, a Casa da Conga e a Casa da Parra e a cuberta da Capela do Pilar, todos eles edificios que enriquecen o espazo urbano nos que se atopan” –argumentou–.
Coa prudencia individual e colectiva necesarias ante a covid-19, a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu prolongar a homenaxe a este Ano Xubilar 2021, no que a celebración da efeméride coincide en Xoves Santo, un día sinalado para dedicalo a un tempo de florecer nas artes, o Barroco galego, así como á singularidade que exerceu esta época no propio Domingo de Andrade. Con tal motivo, a RAGB realizará ao longo do ano varias actividades, completadas cunha serie de estudos e publicacións divulgativas.
Arquitectura eclesiástica e urbana en Santiago, Lugo e Ourense
Domingo Antonio de Andrade (Cee,1639 – Santiago de Compostela, 1712) foi un arquitecto galego de proxección universal. En 1654, comezou os seus estudos na Facultade de Artes da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que os abandonou por unha enfermidade. En 1668 casou con Isabel Areas Canosa, con quen tivo dez fillos, dos cales cinco faleceron de pequenos, mentres que dos restantes dous foron franciscanos en Santiago e tres agustinos en Lugo e Betanzos.
Comezou a traballar na capital compostelá en 1662 e fíxoo como entallador de oficio, preocupado principalmente pola estrutura compositiva de retablos en madeira. Algunhas das súas obras son o tabernáculo da Catedral de Santiago, estrutura que repetirá no baldaquino da Capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense e o baldaquino do Altar Maior da igrexa do mosteiro de Oseira. Así, en 1669 era Aparellador Maior da Catedral e en 1676 foi nomeado Mestre de Obras da Catedral, onde comezou coa obra da Torre do Reloxo (1680) da Catedral de Santiago de Compostela. Foi a súa primeira construción significativa, e quizais a súa obra mestra, que caracterizada pola súa monumentalidade e solidez en harmonía co conxunto catedralicio, fan desta unha obra barroca de prestixio internacional.
En 1696, o cabido santiagués encárgalle a nova sancristía (hoxe Capela da Nosa Señora do Pilar) da que fixo as trazas e foi substituído por Casas Nóvoa en 1711. Antes, en 1699, Domingo de Andrade ordenouse como presbítero ao quedar viúvo.
En 1700 realizou o Pórtico Real da Quintana, horizontalidade en contraste coa esvelteza da Torre do Reloxo. Así mesmo, traballou no convento de Santo Domingo de Bonaval en tres partes principais: a fachada da portería, os cuartos e o claustro onde aparecen as súas características sartas de froitas e o virtuosismo da afamada escaleira de caracol.
Resultan destacables, como mostra de arquitectura urbana, a Casa da Parra (1683) e a Casa da Conga (1709) que el comezou, aínda que finalmente a realización se lle atribúe a Casas Nóvoa. Ademais, fóra de Compostela realizou, entre outras, a sala capitular e a sancristía da Catedral de Lugo, interiores tamén co seu característico encalado en branco, e outras obras diversas na Catedral de Ourense.
Andrade contaba cunha personalidade posuidora dunha gran cultura, debido a súa relación desde 1658 co coengo fabriqueiro José de Vega y Verdugo, e a súa obra “Excelencias, antigüedad y nobleza de la Arquitectura” (Santiago, 1695) onde demostra a súa erudición e expresa a súa teoría arquitectónica.
Cartel do Día das Artes Galegas
O cartel para a celebración do “Día das Artes Galegas” en homenaxe a Domingo de Andrade foi deseñado polo académico de número da sección de Artes da Imaxe, Xosé Díaz Arias de Castro, a partir do retrato de Domingo de Andrade que se atopa na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, obra do pintor e académico Felipe Criado (1928-2013), quen fora membro numerario da Sección de Pintura e Gravado desta Institución.
O Día das Artes Galegas foi creado pola RAGBA en 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. Na última edición de 2019 a figura homenaxeada foi Luis Seoane, teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante e pintor, esencial no Laboratorio de Formas de Galicia. Mentres en anos anteriores homenaxeáronse figuras como a de Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).