A Cámara de Comercio de Santiago ten previsto realizar 7 misións comerciais para impulsar as exportacións de pemes e autónomos a través do Plan Foexga
O programa, que se desenvolve en colaboración coas cámaras de comercio, conta nesta edición cun orzamento de 2,3 millóns de euros, e prevé beneficiar a arredor de 630 compañías
A Xunta vén de activar, mediante a súa publicación no DOG a nova convocatoria para pemes e autónomos incluída dentro do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), que no seu conxunto vai destinar 2,3 millóns de euros a impulsar 160 accións de internacionalización do tecido produtivo galego en máis de 20 países, das que se poderán beneficiar arredor de 630 compañías.
A nova edición do programa, que desenvolve a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, adáptase ao actual contexto do comercio a nivel mundial provocado pola pandemia da covid-19, as súas consecuencias económicas e as medidas de protección. Así, permítese que as empresas poidan participar nas accións de internacionalización en misións comerciais directas, feiras internacionais e en eventos promocionais durante 2021 e 2022 tanto en formato presencial como noutros alternativos, como o dixital.
Entre os mercados prioritarios para esta convocatoria do Foexga están China, India, Israel, Xapón, Portugal, Marrocos, Brasil, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas. Esta liña de axudas conta con cofinanciamento do fondo europeo Feder e leva facilitado desde 2014 que máis de 2200 pequenas e medianas empresas galegas melloren a súa presenza no exterior mediante a participación en 429 eventos internacionais, con apoios que acadaron os 9,4 millóns de euros ata o pasado ano.
Co obxectivo de fomentar a participación das pemes nas accións de promoción e favorecer a súa imaxe nos mercados exteriores, a convocatoria ven de ser publicada no DOG cun orzamento de 2 millóns de euros compleméntase cun programa dotado con 300.000 euros para 2021 e destinado a que compañías de máis tamaño participen nos mesmos eventos, favorecendo así que actúen como tractoras das empresas de menor tamaño na súa expansión internacional.