Piden ao Goberno local que implante puntos limpos de proximidade no servizo de recollida de residuos
Para complementar e mellorar este modelo de recollida selectiva, a concelleira Popular, Ana Sabel, propón que, ao abeiro do novo prego de licitación do servizo de recollida de lixo, se estude a posibilidade de implantar este tipo de instalacións que permiten reunir nun reducido espazo na vía pública ou en recintos municipais varios depósitos, logrando unha maior implicación da veciñanza na reciclaxe
O Grupo Municipal Popular presentará, no vindeiro Pleno ordinario, un rogo con fin de que o Goberno de Sánchez Bugallo estude a posibilidade de incorporar ao prego de licitación do servizo de recollida de lixo a instalación de puntos limpos de proximidade, así como puntos de ancoraxe para os colectores de residuos, tanto no ámbito rural como urbano.
A concelleira Popula, Ana Sabel, explicou que, nestes momentos, o Concello de Santiago ten implantado un modelo de recollida de residuos sólidos urbanos que responde, en liñas xerais, ao denominado de catro fraccións: vidro, papel-cartón, envases lixeiros e fracción resto. Aínda que esta variedade non abrangue a totalidade do termo municipal, posto que, especialmente, no rural existen moitas zonas que non dispoñen de colectores para determinadas fraccións.
A maiores, o Concello puxo en marcha un proxecto para promover o tratamento da fracción orgánica, mediante a instalación de illas compostaxe comunitaria, unha liña que ao parecer se prevé continuar impulsando a través do modelo de residuos resultante da nova licitación que algún día terá que realizarse para regularizar a situación de precariedade que padece este servizo sen contrato desde hai case un ano, despois de esgotar ata cinco prórrogas.
En relación co actual modelo, existen unha serie de residuos que dispoñen dunha recollida en colectores específicos diseminados por distintos lugares e xestionados por distintas entidades destinados a roupa usada, aceite de fritura, pilas, aparellos electrónicos, etc. En todos estes casos, a dispersión e o escaso número reducen a súa efectividade, unha circunstancia que apenas pode mellorar de forma significativa o punto limpo móbil que unha vez ao mes se sitúa durante tres horas en tres puntos da cidade e nun punto do rural.
Así, co fin de tratar de complementar e mellorar este modelo de recollida selectiva, a concelleira Popular propón que, ao abeiro do novo prego de licitación do servizo de recollida de lixo, se estude a posibilidade de implantar os denominados puntos limpos de proximidade que permiten reunir nun reducido espazo na vía pública ou en recintos municipais varios depósitos, para lograr unha maior implicación da veciñanza na reciclaxe ao facilitar o tratamento dos residuos que non teñen cabida nas catro fraccións de recollida habitual.
Deste xeito, remarcou “poderíase mellorar o tratamento de produtos como pilas, aceite vexetal, aerosoles, lámparas, cds, aparellos electrónicos… Todo mediante depósitos reunidos nunha mesma instalación e nun mesmo lugar, optimizando o espazo e coa posibilidade de situalos en puntos centrais das parroquias do rural, na procura de ampliar a recollida selectiva a este ámbito que hoxe carece dela”.
A concelleira Ana Sabel quixo subliñar que, en relación co rural, tamén se debería incluír no novo contrato do servizo de lixo a obriga de instalar puntos de ancoraxe para os colectores de lixo, para evitar que envorquen ou se despracen coa forza do vento, unha medida que se podería aplicar a todas aquelas zonas, tamén urbanas, nas que as condicións así o aconsellen.