Seleccionan a parcela da rúa de Londres para construir a sede do Imelga
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou xusto despois da xuntanza mantida cunha representación da plataforma veciñal en defensa do parque Begoña Caamaño, que a parcela na que se construirá a sede do Imelga é a situada na rúa de Londres, ao lado da rotonda. O concello puxera a disposición da Xunta tres terreos de titularidade municipal: un a carón do parque, outro na rúa de Berlín, e o da rúa de Londres.
A parcela seleccionada pola Xunta de Galicia conta con 2.020 metros cadrados e localízase no cruce coa rúa de Roma, xusto ao lado da rotonda que sae cara o periférico; e permite baixo e tres alturas. Conta cun volume de edificabilidade máxima de 3.030 metros cadrados, é dicir, 1,5 metros cadrados de edificabilidade por cada metro cadrado de sólo.