A igrexa de Santa María de Lamas en Boqueixón encara a recta final da súa rehabilitación
A actuación, cun investimento de máis de 110.000€, soluciona os problemas de humidade e avalía o estado de conservación das pinturas murais
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, supervisou as obras da igrexa de Santa María de Lamas, en Boqueixón, que encara a recta final da súa rehabilitación. Os traballos, cun investimento superior aos 110.000 euros, están a permitir que se solucionen os problemas de humidade que afectan a este templo situado ao pé da Vía da Prata, así como avaliar o estado de conservación das pinturas murais.
Os traballos que se están levando a cabo na igrexa de Santa María de Lamas –que está previsto que rematen en abril– inclúen tarefas de limpeza, un incremento da ventilación e un estudo das zonas onde existen pinturas murais. Concretamente, desde o inicio das obras os técnicos realizaron unha limpeza manual de toda a cuberta de tella, substituíndo pezas danadas e incrementando a ventilación baixo cuberta, fundamentalmente na zona de cúpula. Así mesmo, completaron os remates de chumbo da fachada e demoleron, baixo control arqueolóxico, o pavimento de terrazo. Nesta última fase do proxecto estanse completando os traballos de limpeza, pintura e carpintería.
Estes traballos enmárcanse no compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio rural de toda a Comunidade e coa conservación do legado deste concello coruñés onde, ademais de impulsar estas obras, nos últimos anos tamén se contribuíu á conservación da capela de San Sebastián da Granxa ou de Ponte Ledesma, entre outros.
Do século XVIII
A igrexa de Santa María de Lamas é un monumento notable tanto polas súas dimensións como pola súa concepción arquitectónica. É de estilo barroco e nave de planta de cruz latina, construída no século XVIII. Destaca a súa capela maior e no cruceiro unha cúpula sobre cunchas remata o edificio. Tanto o teito abovedado da nave coma a cúpula do cruceiro están decorados con pinturas murais. As pinturas das bóvedas e a cúpula xunto á torre presentan unha tipoloxía repetida durante a primeira metade do século, baseada nos campanarios barrocos.
Na súa historia recente acometéronse unha serie de reformas que incluiron unha nova cubrición ou mesmo oras de substitución de cuberta e reparación de gretas. Para poder desenvolver os actuais traballos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Arquidiócese de Santiago de Compostela asinaron un convenio de colaboración para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións no monumento.