miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Denuncian o desmantelamento dos programas de conciliación de cara a Semana Santa

Denuncian o desmantelamento dos programas de conciliación de cara a Semana Santa
Denuncian o desmantelamento dos programas de conciliación de cara a Semana Santa

María Rozas: “O tempo danos a razón, e o Goberno de Bugallo está desmantelando os servizos de conciliación coa escusa da Covid”

A concelleira de Compostela Aberta María Rozas denunciou que, a falta de nove días para as vacacións escolares, nada se sabe do programa de conciliación de Semana Santa do Concello de Santiago. Por iso, a edila afirmou que “o tempo estános dando a razón, e demostrando que o Goberno do PSOE está a desmantelar o servizo, coa escusa da Covid, cando a situación de pandemia debera precisamente reforzar as actividades que favorezan a conciliación das familias”. 

María Rozas explicou que mentres outros concellos próximos teñen xa publicadas as listaxes de admisión para os seus programas de conciliación de Semana Santa, “en Santiago nada sabemos dos plans da concellería de Educación para esas datas”. A concelleira indicou que “a estas alturas xa é practicamente imposible que se organice o programa, porque a actividade tería que ser aprobada en Xunta de Goberno e aínda non figura na orde do día da reunión do próximo luns, e posteriormente abrirse o prazo de inscrición”. Nesa liña, apuntou que no concello de Ames o prazo de inscrición abriuse o 4 de febreiro, e no de Teo, o 23 de febreiro. A maiores, indicou, “a estas alturas, e ante a deixadez do Concello, as familias xa teñen procuradas solucións para esas datas, solucións que en moitos casos pasarán por recurrir ao coidado das avoas e avós, xusto a poboación con maior risco nesta pandemia”. 

A concelleira de Compostela Aberta lembrou que en Santiago xa non houbo programa de conciliación en Entroido, como sí houbo noutros concellos, e no Nadal o Goberno do PSOE “fixou uns prezos absolutamente desorbitados para o servizo, que nin sequera estaban amparados en ningunha memoria económica”. María Rozas lembrou que Compostela Aberta rexistrou un recurso potestativo de reposición contra o acordo da Xunta de Goberno polo que se estableceron esas tarifas “que nunca chegou a ser contestado polo Goberno de Bugallo”. O prezo do programa de conciliación de Nadal fora de 357 euros na modalidade completa (actividades, madrugadores e comedor), fronte aos 181,3 euros que custara o servizo no Nadal de 2019.

María Rozas reclamoulle ao Goberno que explique cales son os seus plans para o servizo de conciliación municipal, “porque cada vez parece máis evidente que non hai ningunha intención xa non de reforzalo, senón sequera de manter un programa tan necesario”. A concelleira preguntouse se “o PSOE se negou a incluir nos orzamentos a partida de 50.000 euros que lle solicitamos desde CA para manter os prezos do programa de conciliación de Nadal previos á pandemia, porque nin sequera ten pensado manter o servizo”. 

Melloras no CEIP Rodríguez Xixirei 

Tamén en materia de Educación, a concelleira María Rozas levará ao Pleno da próxima semana un rogo no que lle demanda ao Goberno que atenda as peticións que vén formulando a ANPA do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, para acometer diferentes actuacións de mellora no centro. En concreto, a edila de Compostela Aberta reclama cuestións que poden ser atendidas de maneira inmediata, como a ampliación da potencia eléctrica no colexio, “que sofre frecuentes saltos do automático durante a xornada lectiva”; ou o inicio dos trámites para a cesión dunha parcela de propiedade municipal, para que o CEIP poida mudar a localización do seu invernadoiro e gañar máis espazo no patio. Tal e como lembra María Rozas, “esta cesión xa fora comprometida pola anterior concelleira de Educación, pero aínda non foi formalizada”. Ademais, no rogo inclúense outras demandas da ANPA como a realización de obras de mellora da accesibilidade ou de renovación integral da fachada e da cuberta do CEIP, actuacións que terían que ser desenvolvidas en colaboración coa Consellería de Educación.

Comentarios
Lo más