O PP aposta por unha movilidade ca bici de protagonista
Denuncian que falta unha estratexia contundente
O presidente dos populares composteláns, Borja Verea, e a vicevoceira, María Castelao, reuníronse cos representantes de Composcleta Faustino Gómez e Enrique Agrasar para analizar a situación na que se atopan os usuarios de bicicleta en Santiago.
Un dos asuntos principais que se analizaron na xuntanza foi a nova Ordenanza de Circulación Viaria presentada polo concello e que restrinxe aínda máis o uso da bicicleta na cidade; reducindo as posibilidades de aparcamento, con limitacións de velocidade superiores ao do resto de cidades ou cunha listaxe de sancións desproporcionada.
Para Borja Verea “a bicicleta non é un problema, é unha solución” e asegurou que “fai falla unha estratexia contundente que aposte pola mobilidade alternativa, nomeadamente, polas bicicletas” e que ter “uns centos de metros de carril-bici en Clara Campoamor e outros tantos, desconectados, en Fontiñas parece máis unha broma que unha estratexia seria pola mobilidade alternativa, estratexias que levan anos seguindo as cidades máis avanzadas de Europa, exemplo que non deberiamos ter ningún complexo en intentar seguir”.
Pola súa banda, o representante de Composcleta, Faustino Gómez destacou que “Santiago ten moitas posibilidades para potenciar o uso da bicicleta, e puxo de exemplo os Campus Universitarios utilizados diariamente por milleiros de mozos” pero que o “deseño viario e as infraestruturas da cidade non favorecen o uso da bici, senón que consiguen todo o contrario” e tampouco axudan “os máis de 175.000 coches que circulan a diario pola cidade”, concluíndo que “a mala rede viaria xera moita inseguridade aos potenciais usuarios que ao final acaban botándose atrás”.
Tamén aproveitaron os representantes da asociación para denunciar a falta de diálogo co concello. E é que non entenden “como os responsables de mobilidade aínda non nos recibiron despois de ter pedidas varias reunións” sendo a principal asociación de usuarios de bicicleta na cidade, con arredor de 100 asociados, engadindo que “respotouos antes o, no seu día, Comisario Europeo de Política Rexional que o concelleiro de mobilidade da nosa cidade”.
Tanto Borja Verea como a vicevoceira, María Castelao, aseguráronlle á asociación que o PP de Santiago “traballará na Ordenanza” presentada pola Concello “para que esta non sexa un castigo para as bicicletas e poida converterse nunha oportunidade e un primeiro paso cara a unha política de mobilidade que esté na liña do que piden as sociedades hoxe en día, e deixar atrás concepcións máis propias de hai 30 anos”.
O deputado compostelán tamén destacou que “as prohibicións totais e preventivas para as bicicletas no Casco Histórico por parte dos seus veciños non teñen sentido, ogallá houbese un problema de exceso de bicicletas e estivesemos obrigados a regulalo, pero estamos prohibindo o que non existe” e iso “son precisamente as sinais que desde as institucións non podemos mandar, as bicicletas serán as protagonistas da mobilidade do futuro, das xeracións que están en camiño, e temos que ir empezando a traballar nesa liña”.