Piden ao Goberno local que faga un estudo para permitir o pagamento co sistema “Vía T” nos aparcadoiros municipais
Este sistema de pagamento está a ser adoptado en moitos aparcamento públicos, e en rúas que dispoñen de parquímetros, porque entre outras vantaxes súmase o feito de evitar a manipulación dos recibos, a baixada das vidros ou o contacto cos dispositivos de cobro, aspectos de gran importancia nas actuais circunstancias sanitarias e de cara a unha próxima apertura con miras ao Ano Santo
O Grupo Municipal Popular presentará, no vindeiro Pleno ordinario, un rogo para que o Goberno local estude a posibilidade de permitir o pagamento mediante o sistema de “Vía T” nos aparcamentos públicos de xestión municipal, así como a súa utilización das prazas de pago existentes nas zonas de aplicación da ordenanza reguladora do aparcamento (ORA).
Na iniciativa, destacouse que, nos últimos tempos, este sistema de pagamento está a medrar no seu emprego, porque, entre outras vantaxes, está o feito de evitar a manipulación dos recibos, a baixada dos vidros dos vehículos ou o contacto cos dispositivos de cobro, aspectos todos eles de gran importancia nas actuais circunstancias sanitarias e de cara a unha próxima apertura con miras ao Ano Santo 2021-2022.
O “Vía T” é un avanzado sistema de comunicación baseado en microondas de curto alcance, no que unha antena le os datos do dispositivo e carga nunha conta ou nunha tarxeta vinculada ao paso por un punto concreto, coas conseguintes vantaxes de seguridade, comodidade, rapidez, fluidez e mesmo ambientais, ao evitar deter o vehículo.
O seu uso está indicado para o pago das peaxes nas autoestradas españolas da península e tamén é posible a interoperabilidade con outras vías en Portugal e Francia.