Suspendido o mercado de Fontiñas deste sábado por mor da alerta por choiva e fortes ventos
Celebrado na rúa París
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou este venres un decreto polo que se suspende o mercado de Fontiñas, que estaba previsto celebrar mañá sábado, día 20 de febreiro, na rúa París. A decisión tómase, segundo explicou en rolda de prensa, ante a alerta da Xunta de Galicia de fortes choivas, de 80 litros por metro cadrado e ventos con refachos de 100 quilómetros hora.
O alcalde tamén anunciou que a nova convocatoria de axudas destinadas aos sectores máis afectados pola COVID 19 ascende, aproximadamente, a 2,5 millóns de euros: 900.000 destinados ao comercio, 700.000 á hostalería, 450.000 a empresas culturais, e 300.000 a bonos de consumo, aínda que esta última partida está "sen perfilar". Sánchez Bugallo sinalou que ten previsto volver reunirse coas asociacións de comerciantes o vindeiro martes, día 23 de febreiro, para presentarlle un borrador "de bases da nova convocatoria". "Imos intentar cumplir a súa petición de que sexan axudas directas", afirmou. "Espero", continuou, que nos fagan as contrapropostas que consideren oportunas", e que a partir de aí" vaiamos aprobando todo para a liquidación dos orzamentos de 2020".
Sánchez Bugallo recoñece que será necesario un pleno para aprobar que os 400.000 euro reservados a investimento de capital se poidan pasar a gasto corrente e destinar as citadas subvencións. Recordou que está previsto lanzar a terceira convocatoria de axudas na primeira quincena do mes de marzo "aínda que é preceptivo que antes de sacala estea aprobada a liquidación de orzamentos do ano 2020".
Para o alcalde de Santiago, a principal preocupación, neste momento, é a "saúde dos nosos veciños e veciñas"; e a segunda, "cunha magnitiude extraordinaria, a preocupación pola situación económica dos sectores máis afectados e coas persoas que se atopan nun maior nivel de fraxilidade social".