Piden un esforzo para que as empresas incluídas no programa do ICEX “Rising up Spain” poidan instalarse en Santiago
O concelleiro Popular, José Antonio Constenla, tamén incide na necesidade de que se ofrezan as maiores facilidades posibles, así como espazos de traballo para a súa radicación
O concelleiro Popular, José Antonio Constenla, presentará no vindeiro Pleno ordinario unha proposición para instar ao Goberno locala dar os pasos necesarios para formalizar un convenio co Instituto de Comercio Exterior do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (ICEX), que promova Santiago de Compostela como sede das “startups”, empresas de recente creación, con alto potencial innovador e tecnolóxico, seleccionadas no programa “Rising up in Spain”. O Popular tamén incide na necesidade de que se ofrezan as maiores facilidades posibles, así como espazos de traballo para a súa radicación.
Como subliña José Antonio Constenla, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico xoga un papel fundamental na xeración de coñecemento dunha economía e, polo tanto, na súa competitividade e nesta cuestión o emprendemento debe ser un baluarte fundamental e o mundo das startups é un dos seus motores importantes.
“Por mor da Covid 19 pódense extraer moitas leccións, pero unha especialmente interesante é que Santiago necesita acometer un urxente proceso de diversificación produtiva, polo que captar empresas de base tecnolóxica e innovadora que se instalen na nosa cidade debería ser unha prioridade”, destacou.
O concelleiro Popular explica que o Concello santiagués conta con varias ferramentas que converten a cidade nun lugar óptimo para facilitar tanto a instalación como o desenvolvemento deste tipo de empresas. Así, recentemente constituíuse a sociedade Sionlla Biotech, integrada pola Asociación Área Empresarial do Tambre, a Cámara de Comercio de Santiago e Uninova, que será a responsable de impulsar a creación de infraestruturas de apoio ás empresas biotecnolóxicas do Biopolo Tecnolóxico. Este concíbese como un conxunto de infraestruturas, situadas no Parque Empresarial da Sionlla, na capital galega, destinado a localización de empresas en fase de post-incubación, crecemento e/ou consolidación e a prestación de servizos innovadores adaptados ás súas necesidades.
Segunda infraestrutura
Constenla explica que o Concello conta tamén con dúas ferramentas que poderían axudar neste proceso de captación: O edificio CERSIA Empresa, un inmoble para a dinamización económica da cidade, no que se facilita o uso de instalacións ao tecido económico e empresarial da cidade e o Servizo de apoio á Empresa (SAE), unha entidade encargada de prestar un servizo integral de apoio á empresa e aos emprendedores situados na cidade e co o obxectivo de apoiar a creación e consolidación de empresas nas súas diferentes etapas.
“Neste sentido existe, subliñou o concelleiro Popular, o programa “Rising up in Spain”, que desde 2016 busca captar emprendedores e startups estranxeiras interesadas en desenvolver os seus proxectos en España, un programa de aceleración impartido por unha entidade experimentada do sector, especializado e adaptado a cada startup”.
O ICEX proporciona acceso a unha ampla rede de posibles investidores, a asistencia no proceso de creación da empresa en España, facilita a obtención de visados e de uso de instalacións, así como o ofrecemento de visibilidade en medios de comunicación especializados en emprendemento. As empresas seleccionadas polo programa teñen unha magnífica oportunidade de desenvolvemento, que moitas veces se converte en instalación definitiva no seu lugar de localización.
Ata a data, foron case 1.000 as empresas e emprendedores, de máis de 70 países, que se presentaron ao programa. Concretamente na última edición, solicitaron a súa participación 210 startups estranxeiras de 50 países distintos .