miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Preguntan polos 600 metros de varanda substituídos na rúa Clara Campoamor

Preguntan polos 600 metros de varanda substituídos na rúa Clara Campoamor
Preguntan polos 600 metros de varanda substituídos na rúa Clara Campoamor

Os Populares cuestionan o nivel de protección para unha vía por onde transitan vehículos de gran peso

Mediante unha iniciativa asinada pola concelleira María Castelao, o Grupo Popular solicita información sobre o destino da robusta varanda de ferro e aceiro inoxidable que foi substituída nas obras de reurbanización da rúa Clara Campoamor e que protexía a beirarrúa do desnivel existente na marxe das Brañas de Sar nunha lonxitude duns 600 metros.

Na execución do proxecto de reurbanización desta rúa, levado a cabo recentemente, a citada varanda -a pesar do seu aparente bo estado maioritario, da solidez da súa feitura e de que se trata dun modelo empregado aínda en obras recentes- foi substituída na súa totalidade por unha nova varanda galvanizada moito máis sinxela.

A cambio produciuse cando os traballos da rúa estaban xa moi adiantados e veu precedida dun acordo da Xunta de Goberno Local do 23 de setembro de 2020, mediante o que se aprobaba un modificado da obra por un importe de 97.070 euros, dos que preto de 50.000 euros correspondían ao cambio da citada varanda por unha nova. Aínda que no proxecto principal da obra se contemplaba a desmontaxe da varanda existente e a súa recolocación na nova obra “incluyendo tornillos de anclaje, replanteo previo, etc.”, detallando necesidade de renovar e reparar aproximadamente un 30% da lonxitude -do que se infire que aproximadamente uns 400 metros da varanda se consideraban en bo estado-, o informe proposta do modificado argumentaba que o cambio estaba motivado polo mal estado das fixacións, polo que “ao ser necesario intervir na totalidade da varanda, resultaba conveniente aproveitar para colocar o novo modelo de varanda adoptado recentemente e que se está colocando con carácter xeral nas diferentes zonas da cidade (novas actuacións ou reforma de existentes)”.

Desde o Grupo Popular, ademais de indagar polo destino da varanda retirada, tamén se solicita información sobre a empresa que deseñou e construíu a nova varanda, se a instalación cumpre cos niveis de protección para unha vía por onde transitan vehículos de gran peso, se o novo modelo se vai instalar en todas as obras e circunstancias -independentemente das características e do nivel de protección requirido en cada lugar- e, por último, cantas varandas e en que lugares se teñen substituído nos dous últimos anos por este modelo e cantas se prevén instalar nos vindeiros meses.

Comentarios
Lo más