Nova movilización da hostalaría compostelá este venres
Farán unha marcha ata San Caetano
A Asociación Hostalaría Compostela convoca unha nova mobilización para este venres, 29 de xaneiro, en apoio á marcha de HOEMPO (Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín), que camiñará desde Pontevedra a Santiago para exixir un plan de rescate xa e a protección do emprego no sector.
A marcha da hostalaría compostelá partirá desde as 10:15 horas do aparcamento de Santa Marta e desde ás 11:00 horas desde a Praza de Galicia, para chegar ás 12:00 horas a San Caetano onde se manifestarán, xunto cos hostaleiros pontevedreses e doutras zonas de Galicia, diante dos edificios administrativos da Xunta.
Terá presencia tamén na protesta unha caravana de vehículos de distribuidores e provedores que se solidarizan co sector.