Denuncian que o Goberno gastou 25.000 euros en melloras no carril bici de Clara Campoamor “tras comprobar os problemas de seguridade derivados do único cambio que fixo no proxecto”
CA preguntará no Pleno pola valoración que fai o Goberno deste proceso “no que se gastaron máis de 40.000 euros só para mudar o carril bici e empeorar o proxecto”
O concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte pedirá explicacións no Pleno da próxima semana sobre os cambios introducidos no carril bici de Clara Campoamor, tras coñecerse que o Goberno destinou máis de 25.000 euros a un contrato menor para a mellora da seguridade da mobilidade ciclista neste viario. Ese contrato figura na lista de menores do último trimestre do ano e, polo tanto, foi asinado despois da apertura ao tráfico do viario. Para o edil, é sorprendente que o Concello “teña que facer un novo contrato para mellorar unha actuación nova, xusto despois da súa inauguración”
Jorge Duarte incidiu en que o carril bici foi a única cuestión que mudou o actual Goberno do PSOE no proxecto de Clara Campoamor, “despois de gastar 17.545 euros nun modificado de proxecto”. O concelleiro lembrou que no proxecto que quedara aprobado no mandato de Compostela Aberta, o carril bici “estaba desdobrado a ambas marxes da calzada, seguindo todas as recomendacións técnicas ao respecto da súa integración na rede urbana”. “Despois de gastar eses 17.545 euros nun modificado de proxecto, o carril bici quedou unificado na marxe de Clara Campoamor que dá ás Brañas de Sar, unha configuración que dificulta a súa utilización e diminúe a súa seguridade”. De aí, apuntou Jorge Duarte, que o Goberno “se vira na obriga de gastar agora outros 25.000 euros en actuacións que se foron desenvolvendo despois da apertura ao tráfico do viario, e que non se entende que non estiveran previstas xa no proxecto inicial”.
Capricho electoral
Para o concelleiro de Compostela Aberta, “os feitos demostran unha vez máis as mentiras do PSOE, e do alcalde en particular, con respecto ao viario de Clara Campoamor”. Jorge Duarte lembrou que, durante a campaña electoral, Bugallo cualificara o proxecto de CA de “disparate”, e comprometérase a mudalo para introducir catro carrís de circulación e rotondas de acceso á futura estación de autobuses.
Finalmente, e malia a demorar a actuación e gastar 17.500 euros para modificar o proxecto, “o único cambio foi o do carril bici, optando por un modelo que claramente é peor que o previsto inicialmente, e que novamente obriga ao Concello a gastar diñeiro a maiores das arcas públicas”.
O edil de CA preguntará no próximo Pleno pola valoración que fai o Goberno deste proceso e da modificación do carril bici de Clara Campoamor, “que lle custou á cidadanía de Compostela máis de 40.000 euros para cumprir un capricho electoral do PSOE e de Bugallo”