jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Os 'Reis Magos' apoian as demandas do persoal da UCI de Adultos do Clínico

Os 'Reis Magos' apoian as demandas do persoal da UCI de Adultos do Clínico
Os 'Reis Magos' apoian as demandas do persoal da UCI de Adultos do Clínico

Os Reis Magos chegaron este luns ás portas do Hospital Clínico de Compostela cargados de peticións para a Xerencia do centro hospitalario.

As súas maxestades sumáronse ás demandas do persoal “por unha UCI de Adultos digna” e mesmo encabezaron a improvisada manifestación coa que este luns se celebraba a oitava semana de folga. Case dous meses de mobilizacións.

Como desde que se iniciou a folga os Reis e o persoal reclamaron unha UCI-A que garanta a seguridade e calidade nas prestacións sanitarias e asistenciais que se dispensan á cidadanía e que entenden que “é responsabilidade da xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza”.

Xunto a isto denunciaron a “irresponsabilidade” da Xerencia por incumprir a lexislación vixente “nin no que se refire a infraestruturas; nin en canto as medidas organizativas e preventivas fronte a exposición ao coronavirus; nin na formación de riscos laborais e formación en novas técnicas ou novos aparellos; nin renovación do material deteriorado ou en mal estado, así como a falta de material funxible para os distintos aparellos, falta de vestiarios e baños que cumpran a normativa”.

Nomeamentos irregulares

Ademais Xose Manuel Marcote, secretario comarcal da CIG-Saúde de Compostela denunciou, máis unha vez, que tampouco se cumpriu a normativa co nomeamento da xefatura do xefe de servizo.


O representante da CIG considerou unha “irresponsabilidade” -en plena convocatoria de folga e co persoal traballando como servizos mínimos- mover aos profesionais da UCI-A a outros servizos do hospital “sen a formación adecuada para adquirir habilidades profesionais necesarias para o exercicio das súas funcións...mesmo tendo asinado os servizos mínimos o día de folga”.

Para exemplificar a situación que se vive no hospital Marcote lembrou que “ningún/ha dos/as responsables da UPRL que acudían as reunións da Xerencia coas organizacións sindicais, continua na Xerencia de Santiago: nin xefa de servizo, nin facultativa de traballo, nin técnico de riscos”. Unha situación que considerou que “clama ao ceo”.

Interminable listado de deficiencias

O persoal dirixiuse ademais á Comisión de Centro, á Dirección de Enfermería, á Dirección de Recursos Humanos e á propia Xerencia para comunicar as deficiencias que teñen na UCI de Adultos “con roturas de stock de materiais e aparataxes moi importantes para o desenvolmento do noso traballo e fundamentais para a asistencia ás/aos pacientes”.



Así, no escrito sinalan que non hai tubuladuras para os respiradores máis usados na unidade das marcas Maquet e Mindray, necesarios para ventilar e osixenar ao paciente crítico ou que non hai, desde hai xa máis de 15 días, gomas para o aspirado de secrecións respiratorias en doente intubado, uso en drenaxes conectados a aspiración e para a realización de probas diagnósticas levadas a cabo na unidade tales como endoscopias e broncoscopias.

Aseguran que non contan con sistemas para conectar aos pacientes ás balas de óxido nítrico que, en tempos onde as enfermedades respiratorias como a Covid-19 teñen protagonismo case absoluto. “Decatámonos que contar só con dous equipos de oxído nítrico é insuficiente xa que nos últimos tempos tivemos que pedilos prestados a outras unidades”, apuntan.

Sinalan que faltan tamén batas desbotables para cumprir axeitadamente cos illamentos de contacto presentes na unidade e que hai pouca dotación de monitores de BIS (índice biespectral) xa que “están sendo fundamentais na monitorización da sedo-relaxación do paciente crítico”.



Relatan problemas respiradores novos porque non se mercaron os funxibles e para poder empregalos e non se adaptan aos antigos. Lembran ademais  que agora existen o doble de camas ocupadas nesta unidade por contar con 30 camas disponibles e que nesta tempada tiveron que pedir a outras unidades bolsas de drenaxe tipo DRAINA que sempre tiveran ao seu dispor na UCI-A, así como equipos de alto fluxo ou sistemas de alto fluxo.



Comentarios
Lo más