miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Demandan ao Goberno a posta en marcha dun Programa Municipal de Canguraxe

Demandan ao Goberno a posta en marcha dun Programa Municipal de Canguraxe
Demandan ao Goberno a posta en marcha dun Programa Municipal de Canguraxe

A portavoz de Compostela Aberta leva ao Pleno de mañá unha moción para que o Concello “se corresponsabilice nos coidados, e ofreza alternativas ás familias nos seus domicilios e en espazos adaptados”

Compostela Aberta demándalle ao Goberno local a posta en marcha dun Programa Municipal de Canguraxe, que lles facilite ás familias a conciliación e os coidados tanto nos seus propios domicilios como noutros espazos habilitados. Así se recolle nunha moción que a voceira de CA, Marta Lois, defenderá no Pleno ordinario de mañá.

A voceira de Compostela Aberta lembrou que no Pleno de maio aprobouse unha moción para a elaboración dun Plan de coidado e conciliación “Compostela Coidadora”. Marta Lois lamentou que, “ainda que o acordo falaba de implementar este plan nun prazo de seis meses, a día de hoxe descoñecemos o traballo que tén desenvolvido o Goberno para efectivizalo”. Para a concelleira, é urxente que se poñan en marcha algunhas accións, “porque a pandemia da Covid-19 está a agravar as dificultades ás que se enfrontan moitas familias e, máis en concreto, moitas mulleres”. Nesa liña, Lois defendeu a creación dun Programa de Cangurax que, como se recolle na moción que será debatida mañá, “debe desenvolverse en colaboración coa Consellería de Políticas Sociais e incluir un servizo de atención á infancia no domicilio ou de acompañamento, e tamén un servizo de atención en espazos acondicionados para ese fin, como centros cívicos, pavillóns ou ludotecas”. A voceira de CA salientou que o programa “debe priorizar ás familias con menos recursos, con necesidades de conciliación, e con menores de ata os 12 anos”.

Marta Lois explicou que o obxectivo, dixo “non debe ser atender situacións puntuais con programas pensados para periodos vacacionais, senoń un servizo permanente, que atenda as necesidades diarias e ordinarias das familias e permitan a integración sociolaboral das mulleres”. A voceira de CA lembrou que “a Covid-19 vén poñendo de manifesto a importancia dos coidados, que están  enormemente feminizados e que seguen invisibilizados, sobre todo os que se dan no ámbito familiar e doméstico”. A concelleira fixo un chamado á corresponsabilidade nos coidados, “unha corresponsabilidade que tén que ser entre homes e mulleres, pero tamén entre a cidadanía e as administracións públicas, que teñen a obriga de facilitar que as familias poidan coidar, e de garantir a calidade de vida de todas as persoas”. Lois incidiu en que a situación derivada da pandemia “está a provocar unha grande presión, sobre todo ás mulleres, porque tén un enorme impacto negativo na vida laboral das persoas, nas posibilidades de conciliación, e mesmo nas actividades de lecer dos nenos e nenas”. O Concello, concluiu a voceira de CA, “debe exercer a súa responsabilidade e implementar políticas públicas específicas que acheguen solucións concretas á veciñanza”

Comentarios
Lo más