A primeira edición do autocine “Ames Drive Cinema” estreouse co aforo completo nas seis sesións
Esta actividade está enmarcada nas actividades Ames corta co machismo, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero en Ames, que se conmemora este mércores 25 de novembro.
A primeira edición de autocine que se organizou no concello de Ames, “Ames Drive Cinema”, foi todo un éxito. A atractiva programación, con ofertas para un público infantil e adulto, fixo que 531 vehículos, unhas 1.200 persoas, se achegaran ata o aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, para ver os seis filmes proxectados.
Os usuarios/as puideron ver o venres, 20 de novembro, as películas "O que arde" de Oliver Laxe, en sesión de tarde, e "Bohemian Rapsody", a historia do grupo Queen e do seu cantante Fredery Mercury, en sesión de noite. O sábado, 21, na sesión infantil proxectouse “Brave" e posteriormente para o público adulto o filme "Los hombres que no amaban a las mujeres". Con “Maléfica” e “Mientras dure la guerra” despediuse este evento o domingo.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “se cumpriu coas súas expectativas que pretendían conseguir unha posta en escena espectacular. Tratouse dunha proposta de ocio familiar seguro e para reflexionar. Non se trataba só de proxectar unha película, senón de vivir toda unha experiencia. E así foi, cunha entrada propia dos autocines americanos dos anos 50 e 60, os/as usuarios/as, unha vez que mostraban as súas entradas, eran guiados ata o seu aparcadoiro, onde podían ver a película, previamente escollida no portal web habilitado, a través dunha grande pantalla e escoitala na radio do seu vehículo, a través dunha frecuencia que lle foi indicada no momento de entrar ao aparcadoiro”.
A Policía Local e maila Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames, foron os encargados de coordinar o dispositivo de seguridade, para controlar a entrada e saída dos vehículos, e que esta se fixera dun xeito organizado.