12.700.000 euros para o mantemento e conservación dos espazos verdes
06:30 24/11/20
06:30 24/11/20
A Xunta de Goberno Local aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do expediente do "servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arboredo do Concello de Santiago de Compostela", así como a aprobación do gasto correspondente que ascende a 12.695.974,29 euros
Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, este contrato afecta á conservación e mantemento dunha superficie de 2.693.000 metros cadrados de parques e espazos verdes do concello, quedando excluídos os de Salgueiriños e Vidán, xestionados por entidades sociais.
Un contrato que, engadiu o rexedor, ten unha vixencia de tres anos, prorrogable por outros dous. O importe resultante da contratación satisfarase con cargo aos orzamentos do Concello de Santiago de Compostela, tramitándose como anticipado de gasto, xa que a prestación do servizo non se iniciará ata o vindeiro ano; quedando condicionado, polo tanto, á súa inclusión no exercicio orzamentario 2021. O pago divídese en catro anualidades:Anualidade 2021: 2.821.327,62 euros.
Anualidade 2022. 4.231.991,43 euros.
Anualidade 2023: 4.231.991,43 euros.
Anualidade 2024: 1.410.663,81 euros.
O executivo municipal tamén aprobou a realización do Festival do Apego o 27 de decembro no Auditorio de Galicia; e o gasto estimado para esta actividade, que ascende a 29.887 euros IVE incluido. Consistirá nun espectáculo escénico e musical coa participación de artistas consolidados do panorama cultural infantil, para a súa recepción na propia sala e a través de vídeo en directo, ademais da produción de nove pezas audiovisuais para fornecer recursos permanentes para a crianza en galego.