miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Piden que se mellore a recollida de follas en zonas perigosas

Piden que se mellore a recollida de follas en zonas perigosas
Piden que se mellore a recollida de follas en zonas perigosas

O Grupo Municipal Popular pídelle ao Goberno local que mellore a programación das tarefas de recollida de follas nas zonas que poidan producir maior perigo para a veciñanza

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Evaristo Ben Otero, presentará no vindeiro Pleno Ordinario un rogo co fin de que o Goberno local proceda a dar as instrucións necesarias para que se leve a cabo a mellora da programación nas tarefas de recollida das follas en lugares como beirarrúas e calzadas, sobre todo, nas zonas de maior tránsito e susceptibles de producir maiores perigos para a veciñanza.

Nesta iniciativa, os Populares tamén solicitan ao Goberno de Sánchez Bugallo que se estude unha paulatina substitución de determinadas árbores de folla caduca neses ámbitos por outras de folla perenne.

A falta de previsión destes traballos xa foi obxecto, durante o pasado mandato, de reiteradas críticas, tanto nos medios informativos como por parte dos grupos da oposición, de forma moi especial, por parte do Grupo que sustenta ao actual Goberno, sen que agora, cando é o PSdG o que dirixe a cidade, se lle buscara solución algunha.

Ben Otero insiste en que, para tratar de minorar este problema, debería mellorarse a programación destas tarefas de recollida (mellor que o “soprado” da folla, que o único que provoca é o traslado das follas e a posta do lixo en suspensión).

Neste sentido, ademais das frecuentes inundacións e creación de bolsas de auga na calzada, tamén se produce unha mingua da seguridade peonil, pola creación de superficies esvaradías nas beirarrúas e mesmo pola ocultación de estragos e irregularidades que aínda existen nos pavimentos.

Por isto, os Populares, entre outras posibles solucións, consideran que se podería estudar a progresiva substitución, en determinadas zonas urbanas, das árbores caducifolias, en especial da moi estendida do plátano (platanus hybrida), de grandes follas e identificado como causante de alerxias, substituíndoas por especies de folla perenne preferentemente autóctonas (como sobreiras, teixos, buxos ou acivros, por exemplo), que achegaran unha maior biodiversidade, co que se poderían solucionar en gran medidas moitos dos inconvenientes sinalados, ao tempo que se evitaría ter que dedicar un gran número de persoal de limpeza ás tarefas de recollida da folla fóra dos parques e xardíns propiamente ditos.


Antecedentes

Na madrugada do pasado luns, 9 de novembro, volvéronse rexistrar en Santiago un cúmulo de inundacións en moitas zonas da cidade, coincidindo cunha xornada de fortes chuvias. A causa principal foron, segundo as informacións publicadas e segundo se puido constatar, nalgúns casos, a acumulación das follas caídas que taponaron a rede de sumidoiros e impediron un correcto desaugue, mesmo naqueles lugares onde non hai moito se levaron a cabo traballos específicos para mellorar a súa capacidade de drenaxe.

No Concello santiagués sofre, con demasiada frecuencia, esta acumulación de follas en moitas rúas o que suscita reiteradas queixas por parte da cidadanía, non só pola súa repercusión no aspecto da cidade, senón -e sobre todo- polas consecuencias que esa acumulación produce.

Comentarios
Lo más