Piden explicacións polo retraso na piscina cuberta de Santa Marta
CA preguntará no Pleno que pasos se teñen dado para cumprir o acordo plenario de xaneiro para crear unha comisión de traballo e avanzar na elaboración do proxecto
Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha pregunta sobre a nova piscina cuberta de Santa Marta, para que o goberno explique os pasos que tén dado para avanzar neste proxecto e para crear a comisión de traballo á que se comprometeu no pasado mes de xaneiro. O grupo municipal de CA lembra que existe unha alta demanda destas instalacións, porque a natación é un deporte que practican milleiros de persoas en Santiago.
No Pleno ordinario de xaneiro quedou aprobada unha moción que instaba ao Goberno local a elaborar unha planificación plurianual para que ao longo deste mandato se desenvolva un novo centro deportivo na zona sur da cidade, que incorpore unha piscina, así como a impulsar unha comisión de traballo ao respecto na que participarían todos os grupos da corporación e os representantes dos clubs que practican natación en Santiago. O acordo tamén pedía que o Concello instara á Deputación e á Xunta a colaborar no financiamento da nova infraestructura deportiva. Tal e como explica o concelleiro Xan Duro, “once meses despois dese acordo, descoñecemos que pasos tén dado o Goberno local para darlle cumprimento, e non nos consta que se teña falado con ningún club para a creación da comisión de traballo”. O edil de Compostela Aberta lembra, ademais, que “na sesión de xaneiro a concelleira de Deportes “mostrou o seu compromiso absoluto por facer a mellor das piscinas, recollendo as propostas dos clubs, e buscando financiamento tanto público como privado para desenvolver o proxecto”. A maiores, o propio alcalde asegurou no Pleno que o Goberno xa contaba cun anteproxecto da piscina de Santa Marta, “do que tampouco temos ningunha noticia”.
Xan Duro urxiu ao Goberno a avanzar no proxecto na piscina de Santa Marta, “porque nos últimos meses evidenciouse ainda máis da necesidade que hai en Santiago dunhas instalacións deste tipo, co peche da piscina de Sar que deixou nunha situación moi complicada aos clubs da cidade que deben convivir na piscina de Santa Isabel, con moitas limitacións para os seus adestramentos”. O concelleiro apuntou que “as piscinas de Sar e Santa Isabel suman máis de 300.000 usos anuais, dos que a terceira parte corresponden aos clubes federados”.