miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

4M€ para a creación do centro Biotecnolóxico no parque empresarial da Sionlla

4M€ para a creación do centro Biotecnolóxico no parque empresarial da Sionlla
4M€ para a creación do centro Biotecnolóxico no parque empresarial da Sionlla

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as axudas para a posta en marcha dos primeiros cinco centros de fabricación avanzada que favorecerán o desenvolvemento da base industrial a nivel local, entre os que se encontra Sionlla Biotech

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas concedidas á creación dos primeiros cinco centros de fabricación avanzada, entre os que se encontra o parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela.

O obxectivo desta liña de apoios da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é poñer en marcha infraestruturas industriais de uso aberto e compartido en diferentes puntos do territorio, que as pequenas e medianas empresas poderán utilizar e que contribuirán a desenvolver a base industrial a nivel local e a mellorar a competitividade do tecido produtivo galego.

No caso concreto de Sionlla Biotech, está promovido pola Asociación Área Empresarial do Tambre. O Goberno galego achega 4.027.000 euros para a creación desta infraestrutura, que proverá a empresas biotecnolóxicas e institucións de servizos como o uso de 22 laboratorios modulares para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. O Concello de Santiago de Compostela cede o terreo para a construción.

Este centro de fabricación avanzada, que contará cun investimento final público-privado que superará os 5 millóns de euros, deberá estar á disposición das pemes dunha forma aberta e transparente e o importe cobrado polo seu uso será o correspondente ao prezo de mercado. Para garantir que a xeración destes espazos contribúa a impulsar a modernización da base industrial e o desenvolvemento dos ecosistemas produtivos a nivel local, deberá prestar servizos que non estean dispoñibles nese ámbito territorial no momento da solicitude ou aqueles cuxa oferta non se axuste ás necesidades das empresas.

Esta infraestrutura integrarase no Hub de innovación dixital liderado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e que o Goberno galego impulsa mediante a colaboración público-privada para achegar ás pemes as solucións tecnolóxicas que precisan. 

Comentarios
Lo más